miércoles. 24.04.2024
zarramoncalleiros cualedro
Zarramoncalleiros de Cualedro. | FOTO: Entroido Terras de Cualedro.

A piques estivo de perderse a ancestral figura do Zarramoncalleiro de Cualedro. Nembargantes, hoxe volven soar as chocas nas rúas con máis forza que nunca. Dende o goberno municipal físoxe unha clara aposta por rescatar e preservar a figura do Entroido de Cualedro, promovendo entre a veciñanza a súa recuperación, que se fixo realidade no 2003. Dende entón, cada ano son máis as persoas que se suman á iniciativa, incrementando o número de zarramoncalleiros que percorren as rúas.

A recuperación do traxe tradicional do Entroido de Cualedro tivo lugar grazas á implicación especial de Ana María Salgado, veciña do municipio e integrante da Asociación Vecinal e Cultural "O Zarramoncalleiro". Logo, foron sumándose veciños e veciñas participando na elaboración dos traxes e das caretas coa ilusión de rescatar, recuperar e pór en valor a súa tradición entroideira.

Así, iste ano serán máis numerosos os zarramoncalleiros que sairán á rúa para festexar o Entroido de Cualedro. Saídas que poden darse calquera dos días do Entroido, pero, de seguro, serán o domingo de Corredoiro e o sábado e domingo de Entroido a partires das 12 horas. Pero o Entroido de Cualedro dará comezo uns días antes.

Coincidindo coa feira, o domingo 5 de febreiro procederase á bendición dos traxes típicos de Cualedro. Será á saída da misa, ó redor das 12:30h. A continuación, descubrirase a máscara típica do Entroido na Casa do Concello. O sábado de Entroido, día 18, a estrea de disfraces terá lugar na Praza da Marina a partir das 13h. Haberá atraccións para a cativada durante todo o día. A tarde será o momento da verbena, coa animación musical de Roberto Deluxe Dj dende as 17 horas.

ENTROIDO 2023 | Os Zarramoncalleiros reviven o Entroido de Cualedro