viernes. 19.04.2024
Margarita e Basilisa tocan a lata e cantan para o Diario do Támega. | VÍDEO: M. D. / Iván Iglesias

Á sombra dos castiñeiros na praza da feira en Santa Baia de Montes, Cualedro, esperábannos Margarita González e Basilisa Sotelo, dúas cantoras e percusionistas coa tradicional lata de pemento, que esta fin de semana serán homenaxeadas na XXXVI Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei e na que van participar ambas deleitando aos asistentes coa súa voz e a súa música.

Esta tradición, que data de séculos atrás na zona, herdárona estas dúas mulleres, de 89 e 83 anos respectivamente, cando eran apenas unhas mozas. "Tiñamos arredor de 13 anos e aprendemos de oído, da xente que xa tocaba na época, e mativemos a tradición durante moitas décadas máis", explica Margarita. Non sen antes engadir que era unha das máis aclamadas. "Aplaudíanme moito, era, como se di agora, a 'número un' tocando a lata", enorgullécese.

Aprendemos de oído, das anteriores xeracións e mantivemos a tradición durante moitas décadas (Margarita González)

Algo que confirma Basilisa, mentres nos agasaballa cunha das pezas que prepara para esta fin de semana. "Esta estouna ensaiando para o sábado na xuntanza, dun total de 32 que preparei. Vou intentar que todo o mundo desfrute porque para que imos chorar tanto", conta, emocionada, referíndose a época de pandemia que estamos a vivir. 

Corridos, muiñeiras, xotas, 'can-can', pasodobres... Son moitas as melodías que saen desa caixa que tanto lles custaba conseguir. "Era a lata onde viña o pemento para as matanzas. Nós non a tiñamos na época, era moi cara, e poñíamos 1 peseta cada un para poder alugala". Para, despois, utilizala todos xuntos cada serán da fin de semana ou de días festivos. "Todos os domingos xuntabámonos, mulleres e homes, tocabamos en rolda e así, quen tocaba primeiro bailaba despois. Nunca nos cansabamos, aproveitabamos o tempo e divertiamonos moito máis que agora, ben máis", lamenta Margarita. 

Basilisa Sotelo e Margarita González, cantoras de Santa Baia de Montes, Cualedro. | FOTO: M. D.Basilisa Sotelo e Margarita González, cantoras de Santa Baia de Montes. | FOTO: M. D.

Agora, pasou moito tempo, pero a ilusión e o talento non marcharon destas mulleres que nos vindeiros días recibirán unha honorífica e merecida mención. Segundo contan, as seguintes xeracións non quixeron aprender a tradición pero non perden a esperanza e, na despedida, preguntan "Queres que te ensine?". Longa vida.

As cantoras de Santa Baia, homenaxeadas esta fin de semana: "Antes xuntabámonos con...