
Este mércores, dende as once da mañá, máis de trescentos alumnos de 5º. e 6º. de educación primaria pertencentes aos colexios María Inmaculada, Princesa de España e Amaro Refojo participaron na última actividade programada no marco das primeiras Xornadas de Educación Vial de Verín. No percorrido do roteiro, os cativos estiveron en todo momento acompañados por axentes da Policía Local de Verín, membros da Garda Civil de Tráfico e por integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín.
Non quixo perderse a saída oficial do ruta a coordinadora de Educación Vial da Dirección Xeral de Tráfico en Ourense, Sinda Aguiar, moi activa durante todas estas xornadas. O Concello de Verín enviou na súa representación á máxima autoridade en materia de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, a edila Cándida Couñago.
Estas primeiras xornadas, que incluiron na súa programación talleres e charlas temáticas; un circuíto de educación viaria, coa presenza de vehículos oficiais das forzas de seguridade, bombeiros e Cruz Vermella; e unha ruta ciclista, foron organizadas polo Club BTT Verín, en colaboración do Concello de Verín, a Dirección Xeral de Tráfico ( DXT), a Garda Civil de Tráfico, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Cruz Vermella, Bombeiros, Bicicletas Matías e Bicicletas Chinquena.