viernes. 26.04.2024
PHOTO-2021-06-19-11-29-01_1
Réplica do Guerreiro da Pedra Alta, a peza estrela do Museo de Castrelo. | FOTO: Iván Iglesias

O Concello de Castrelo do Val ten un fiel compromiso coa cultura. Por este motivo, e despois de moitos meses pechado por mor da pandemia, reabre o seu Museo Etnográfico e Arqueolóxico, que recolle pezas únicas e singulares do pasado deste municipio. A peza estrela da mostra é a replica do 'Guerreiro da Pedra Alta', localizada por un veciño no 2009 cando estaba labrando unha finca. "Pensamos que podemos atopar algunha peza máis porque aquí hai un castro, descuberto nos anos 60, e unha necrópole. Estamos intentando facer máis investigacións cando poidamos porque somos un concello pequeno", afirma Ramón López, concelleiro de Cultura.

Tódalas pezas da exposición foron recadadas e doadas por gran parte dos veciños da localidade, algo que agradece e valora moi positivamente o concelleiro. "Son pezas que teñen que ver maioritariamente cos oficios que había na época: Carboeiros, carpinteiros, traballadores do liño... Hai incluso un traxe de cigarrón que ten máis de 100 anos"

PHOTO-2021-06-19-11-29-01Ramón López, concelleiro de Cultura, na sala etnográfica do Museo. | FOTO: Iván Iglesias

A reapertura do Museo de Castrelo é "unha moi boa noticia para tódolos veciños da comarca de Monterrei. Temos unha historia moi rica e todos deberiamos coñecela. Con esta exposición achegámola un pouquiño máis á poboación", afirma Ramón. "A idea é seguir avanzando e, cando teñamos novas pezas, poder chegar a facer visitas guiadas orientadas, sobre todo, aos nenos, que teñen unha grande curiosidade por estes temas", engade. Unha previsión a longo prazo porque, polo momento, a mostra poderá ser contemplada a partir de mediados do mes de xullo só baixo petición de cita previa na casa consistorial, cun horario que aínda non está establecido.

O museo contribúe a salientar esa historia tan rica que temos na comarca de Monterrei e que todos deberiamos coñecer (Ramón López)

Lonxe de establecerse coma un simple museo, dende o Concello apostan por novas formas de coñecemento do entorno. "Quero que todo o mundo saiba que o museo, ademáis dunha exposición que merece a pena visitar, vai ser un centro de información moi importante, onde se van poder coñecer outros moitos lugares da nosa historia", afirma Ramón, ilusionado. "Creei unha serie de rutas para descubrir zonas de interese do municipio. Unha delas, por exemplo, sae do museo, e percorre fornos, bodegas e incluso ensinamos as casas onde os antigos campaeiros facían a fundición para crear campás", engade.

Pola súa parte, o alcalde, Vicente Gómez, afirma estar moi contento con esta reapertura porque "foi unha decisión que tomamos como grupo, aínda que artellada por Ramón. Pola pandemia tivemos que esperar por isto que nos fai tanta ilusión. É moi importante que toda a xente coñeza a súa historia".

'O Guerreiro da Pedra Alta'

A peza foi reproducida polo escultor Marcos Escudero o pasado ano. Existe a firme crenza de que pertence á Idade do Bronce, que data entre os anos 1200 e 1000 a.C. É, segundo o concelleiro, "un vestixio dos antigos poboadores de Monterrei e verdadeiramente único en Galicia". Dada a súa importancia, a peza orixinal atópase no Museo Arqueolóxico de Ourense. Toda a historia deste descubrimento está explicado en diferentes paneis informativos dentro do Centro de Interpretación do Patrimonio, onde está situado o Museo, pola arqueóloga Nieves Amado, natural de Laza.

NOTICIAS VERÍN | Reabre con cita previa o Museo Etnográfico e Arqueolóxico de Castrelo...