
O Concello de Castrelo do Val xa conta cun orzamento aprobado para encarar o 2023, que ascende a 1.218.000 euros. O presuposto obtivo luz verde na última sesión plenaria, tras 20 minutos de debate, con seis votos favorables do PSOE e un do BNG e dúas abstencións do PP.
O orzamento de 2023 é superior ao do co ano anterior, cun lixeiro incremento ao pasar 1.148.000 a 1.218.000 euros. O gasto en bens correntes e servizos aumenta -620.800 euros- e supón un pouco máis da metade do previsto para gastos. Un 11% do total irá destinado para inversións previstas polo Concello -138.017,95 euros- para a mellora de infraestruturas e servizos que se lle prestan á veciñanza, mentres que un 27% empregarase no pago dos custos de persoal -324.219,45 euros-.
No tocante ós ingresos, as transferencias correntes, procedentes das diferentes administracións públicas, supoñen case o 65% -784.400 euros- cifra que aumenta con respecto aos anos anteriores. Os impostos directos son a segunda principal fonte de ingresos para o Concello -316.000 euros-.
Con un novo orzamento equilibrado, dende a administración local de Castrelo do Val agardan xerar crédito, como aconteceu no exercicio anterior, e así continuar co traballo para mellorar a vida dos veciños.