En tempos, a malla foi máis que unha tarefa; era un labor obrigado no rural que souberon converter nun dos encontros máis esperados do ano. Labores cooperativas do campo trocados en festexo e nun encontro entre veciños e veciñas para compartir tempo, contos, cantos e xantar.
O Concello da Mezquita volve a organizar a súa festa da malla porque non queren perder esta tradición. Será o vindeiro luns, 19 de agosto, e terá lugar na Aira de Verán. Este ano, a malla realizarase a partir das 18:30 horas. Ao longo da tarde haberá unha demostración de elaboración do tradicional "sancosmeiro", o sombreiro galego de palla utilizado para protexerse do sol e da chuvia durante os traballos.
Unha xornada amenizada polo grupo "Tanto nos ten" que levará o seu repertorio de músicas e letras propias e do saber popular, retranqueiras, de escarnio e comprometidas co país; xunto ós pasodobres, muiñeiras, foliadas, rumbas e outros ritmos bailables, converterán a súa actuación nunha festa para toda a veciñanza.
A recuperación da festa da malla na Mezquita non é só a recuperación do labor tradicional; desde o 2020, o obxectivo é "facer o ciclo completo do pan aquí na Mezquita. Estudamos varias fórmulas e buscamos a colaboración da Xunta para recuperar a produción de cereal no concello", explicaba o seu alcalde, Rafael Pérez. E vaia se o conseguiron, iste ano a veciñanza puido deleitarse cun pan orixinario 100% do municipio durante a celebración de Artesanato, a feira de artesanía local.