
Entre 350 e 400 persoas do Concello da Mezquita con idades comprendidas entre os 18 e os 74 anos están sendo xa citados polo Sergas para participar no cribado que as autoridades sanitarias teñen programado para este mércores a partir das 15:30 horas no pavillón municipal de deportes do concello.
Nunha semana, os casos activos no municipio pasaron dos dous que se rexistraban o pasado luns 22 de febreiro aos oito que teñen contabilizados neste primeiro día de marzo.
A Gudiña espera mudar de nivel en horas
O rexedor da Gudiña, José María Lago, que o pasado venres vía con resignación como o seu concello quedaba no máximo nivel de restricións -que impide que os bares e restaurantes volvesen á actividade-, agarda que nas vindeiras horas e logo da revisión que realice o comité clínico, A Gudiña pase ao nivel medio unha vez que os casos activos declarados a un de marzo son tan só de dous.
Vilardevós, o único concello da comarca con cero casos
Na comarca de Monterrei, marzo comeza nunha liña similar a como rematou febreiro, onde son Verín e Cualedro os que mudan rexistros. O primeiro dos concellos, para baixar ata os 13 casos activos. No segundo, para incrementar nun a súa conta, situándose en cinco a día de hoxe.
Vilardevós é o único municipio da comarca de Monterrei que arestora mantense sen casos de coronavirus.