domingo. 19.07.2026
O Concello que preside Rafael Vázquez xestionará 1,5 millóns de euros

O PP vota a favor dos orzamentos do Executivo nacionalista da Mezquita

Os orzamentos do vindeiro 2025 aprobáronse por unanimidade na Mezquita. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Os orzamentos do vindeiro 2025 aprobáronse por unanimidade na Mezquita. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Tamén cos votos a favor da oposición do Partido Popular e PSdeG sacou adiante este xoves 14 de novembro o Executivo nacionalista da Mezquita os orzamentos para o vindeiro exercicio 2025, que se achegan aos 1,5 millóns de euros, 70.000 máis cos orzamentados só un ano antes, segundo explicou o rexedor local Rafael Pérez Vázquez

Rafael Pérez, á esquerda, alcalde da Mezquita, co seu secretario, Francisco García. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Rafael Pérez, á esquerda, alcalde da Mezquita, co seu secretario, Francisco García. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O alcalde resaltou, na lectura da memoria dos mesmos, que o seu Concello é "sempre un dos primeiros en aprobalos da comarca, senón o primeiro, e tamén un dos primeiros da provincia, o que amosa o grao de xestión e o bo facer deste consistorio", dixo.

Rafael Pérez concretou que, un ano máis, "o esforzo nas coberturas sociais, cos diferentes programas de atención, así como a promoción de actividades de potenciación da economía local, non van en detrimento do esforzo inversor que sempre se fai, que no 2025 superará os 400.000 euros", puntualizou o primeiro edil. 

O gasto en persoal consumirá máis dunha terceira parte dos 1.491.496,14 euros do total, superando os 540.000. Por orde de relevancia, séguenlle os gastos en bens correntes e servizos, que se achegan aos 400.000 euros. Unhas inversións de 410.146,20 euros e unha amortización da débeda de 110.830 euros completan as grandes magnitudes do orzamento da Mezquita para o vindeiro 2025. 

Na banda dos ingresos, impostos -directos e indirectos- e taxas non suman máis dos 342.000 euros do total dos 1,5 millóns de euros, quedando o 75 por cento do montante global repartido entre as transferencias correntes e de capital recibidas das diferentes administracións públicas alleas. 

Medio millón de euros menos de débeda en sete anos

A xestión do nacionalista Rafael Pérez Vázquez defínea, nos últimos anos, o estrito control do gasto e a redución da débeda do Concello da Mezquita, que o convertirá nun municipio sen ela a 31 de decembro de 2026, de manterse a progresión que leva o seu mandato. 

A un de xaneiro de 2018, o Concello gobernado polo BNG mantiña unha débeda con entidades financieiras a longo prazo de 623.000 euros, froito, en grande medida, da anterior xestión popular no consistorio.

Cando Rafael Pérez chegou á alcaldía, manifestou que o seu obxectivo era "aforrar para pagar as débedas", herdadas da xestión do popular -e máis tarde independente mezquitense- Francisco José Montesinos, e superiores ao millón de euros. 

O PP vota a favor dos orzamentos do Executivo nacionalista da Mezquita