viernes. 19.04.2024
Festa da malla do 2019. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Festa da malla do 2019. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Os veciños da Mezquita teñen mañá traballo que facer. A partir das 11:00 horas recuperarán a tradición da malla no campo da festa da Esculqueira, despois da sega que xa se fixo hai unhas semanas. Con esta xornada, que garda algo de didáctico para a xente máis nova, recupérase unha vella tradición. "Desexamos manter este oficio vivo, porque cando fallen un par de xeracións de xente maior de 50 anos, xa ninguén vai saber como se facía", destaca Rafael Pérez, o alcalde da Mezquita.

Esta tarefa era hai 50 anos un día no que había máis que que traballo. A época da malla convertíase nun encontro entre os veciños nos que todos se esforzaban, pero tamén o pasaban ben. Isto é unha das cousas que o Concello da Mezquita quere recuperar. Neste día non só haberá que traballar. O grupo de música tradicional Carapaus será o encargado de amenizar a xornada e tamén se poderá degustar unha comida de porco ó espeto.

 

Por outra banda, desde o 2020 ten o obxectivo de recuperar esta labor tradicional coa intención, nun futuro, de dispoñer dun pan orixinario do municipio cun proceso 100% natural. "O que pretendemos é facer o ciclo completo do pan aquí na Mezquita. Estudamos varias fórmulas e buscamos a colaboración da Xunta para recuperar a produción de cereal no concello", explica Pérez.

O alcalde mantivo un encontro co conselleiro de Medio Rural no que propuxeron a creación do polígono agroforestal de cereal, sobre o que o Concello agarda ter unha resposta pronto para ver se será posible acadar a meta fixada.

NOTICIAS VERÍN | Tempo da malla na Mezquita para poñer en valor esta tradición