
Con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra o vindeiro 25 de novembro, o Concello da Mezquita, en colaboración co Centro de Información á Muller de Conso-Frieiras e cos Concellos de Riós e A Gudiña, levará a cabo unha campaña para loitar contra este tipo de violencia e promover a equidade de xénero.
Baixo o lema 'Flores moradas, brotes de igualdade', levarase a cabo un reparto gratuíto de prantas de flores moradas a todos os veciños empadroados no concello, que deberán ser colocadas no exterior como mostra de rexeitamento e condena a esta lacra social. Deste xeito, A Mezquita vestirase de morado en conmemoración desta data e en recordo de todas as vítimas.
O reparto terá lugar o vindeiro xoves, 18 de novembro, nas seguintes localidades:
- Praza de Manzalvos: de 9:30h a 10:15h.
- Praza de Castromil: de 10:30h a 11:15h.
- Praza de Cádavos: de 11:30h a 12:15h.
- Casa do Concello da Mezquita: de 11:00h a 12:00h.
- Praza de Chaguazoso: de 12:30h a 13:15h.
- Teleclub de Esculqueira: de 13:30h a 14:15h.
- Praza de Santigoso: de 15:30h a 16:15h.
- Praza de Vilavella: de 16:30h a 17:15h.
- Praza da Canda: 17:30h a 18:15h.
- Praza do Pereiro de Abaixo: de 18:30h a 18:50h.
- Praza do Pereiro de Arriba: de 19:00h a 19:20h.
Outras accións para conmemorar o día
O alumnado do centro escolar da Mezquita, da Gudiña e de Riós poderán participar nun concurso de debuxo, con obras dirixidas a este mesmo propósito. Poderán presentar as súas creacións ata o vindeiro venres día 26 de novembro. Do mesmo xeito, tamén se levará a cabo a plantación dunha árbore de cor morada e a colocación dunha placa conmemorativa co gallo deste día e en defensa da igualdade entre homes e mulleres.