miércoles. 24.04.2024
ConcelloAMezquita_Encontra a ilusión_décimo_20221213
O Concello da Mezquita promove un Nadal solidario e divertido para toda a veciñanza. | FOTO: Concello A Mezquita.

O Concello da Mezquita vén de pór en marcha, ista mañá, unha curiosa iniciativa para dar comezo ó Nadal no seu municipio. A ilusión distas festas únese á solidariedade e á intención de axudar a persoas en risco de exclusión a través do xogo da caza do tesouro. O premio: 10 boletos para o sorteo da lotería de Nadal.

Durante as dúas próximas semanas levarase a cabo a actividade “Encontra a ilusión”. En cada unha das vilas do municipio haberá unha "ilusión" agochada: un décimo para o sorteo da lotería de Nadal do próximo 22 de decembro que a veciñanza deberá atopar seguindo as pistas que se irán facilitando.

Dende o Concello da Mezquita pretenden que a ilusión chegue a cada un dos recunchos do municipio, por iso esconderon unha fotocopia do décimo en cada un dos pobos. Así, haberá que prestar atención e ir na procura do tesouro en: A Mezquita, A Esculqueira, Chaguazoso, Cádavos, Manzalvos, Santigoso, A Vilavella , A Canda, Castromil e O Pereiro.

¿Como coñecer as pistas? Dende as redes sociais (Facebook e Instagram do Concello da Mezquita) faranse públicas, pouco a pouco, unha serie de pistas para que veciños e veciñas de cada lugar comecen a pescuda, intenten descifralas e poidan seguilas ata descubrir o tesouro.

Se algunha persoa é quen de seguir todas as pistas correctamente, e descubrir o tesouro do Nadal, atopará agochada unha fotocopia do décimo. Que facer con ela? Quen consega atopala deberá ir á Casa do Concello para intercambiala polo boleto orixinal para o sorteo da lotería de Nadal.

E, se non se encontran os tesouros? No caso de que algunha das fotocopias non sexan atopadas, os décimos correspondentes serán cedidos a unha ONG que traballe polos dereitos de persoas en risco de exclusión. Unha acción de solidariedade que permitirá axudar a persoas que o necesitan ó tempo que promove a ilusión e a participación de toda a veciñanza do municipio.

A MEZQUITA | Na procura do décimo do sorteo de Nadal agochado