Venres. 29.03.2024
Día da malla en Chaguazoso, A Mezquita.
Día da malla en Chaguazoso, A Mezquita. | FOTO: M. D.

Un dos propósitos do Concello da Mezquita é recuperar a tradición da malla tal e como se facía antigamente. Para manter vivo ese compromiso e coa intención de chegar a facer o seu propio pan autóctono, con fariña de centeo cultivada por eles mesmos, dende o ano pasado conmemoran este día, nesta ocasión na localidade de Chaguazoso. "Non sei cando poderemos chegar a ter o noso propio pan, se máis ou menos anos, pero tarde ou cedo ímolo conseguir", confía o alcalde, Rafael Pérez.

O que si ten claro o rexedor é que cada ano se organizará nunha localidade diferente do municipio para estender o costume a todos os puntos. "Queremos que todos os veciños de todos os núcleos se integren na tradición, como estes que están aquí e que viñeron hoxe dende varios. O ano que ven será en Esculqueira", engade.

Na práctica da malla participaron expertos no oficio, veciños que durante máis de 30 anos se adicaron á profesión. Un deles, Francisco Alfonso, que contaba emocionado todo o proceso. "Primeiro hai que sementar o centeo e cando crece e seca, córtase. Unha vez cortado, o que se fai coa máquina malladora é separar o gran do resto da palla. Con iso conseguimos obter facilmente o froito". Foi, durante moitos anos, empregado de Pepe Sierra, o dono da malladora que hoxe utilizaron. "Sempre a cedo porque me fai especial ilusión que se manteña esta tradición, o meu oficio dende os anos 60", conta. 

O evento atraeu a arredor de 70 veciños de todo o municipio. Algúns xa experimentados no tema e, outros, como Mikel Etxaniz, que acudiron por primeira vez. "Eu son do País Vasco e, dende este ano, vivo aquí ao lado, en O Pereiro. Por esta situación, lonxe de casa, para min é máis valioso que nunca que a xente queira manter as súas tradicións e volver ao seu lugar de orixe", conta, emocionado.

Todos, coñecedores ou non, xuntáronse hoxe para desfrutar dun día tradicional nun entorno privilexiado e cunhas temperaturas que acompañaron durante toda a mañá. Agora, segundo contaron, aínda non saben moi ben a que destinar todos os quilos de gran recolectado pero afirman: "Será algo para todos porque, como en todas as cousas da vida, todo sae mellor se o facemos xuntos".

NOTICIAS VERÍN | Un día mantendo con vida a tradicional malla