Venres. 29.03.2024
A música non faltou no Magosto da Mezquita o pasado ano.
A música non faltou no magosto da Mezquita o pasado ano.

O Concello da Mezquita, a organización Festa dos Reis e a asociación Os Tres Reinos preparan un magosto do máis entretido o vindeiro 11 de novembro. Os veciños poderán festexar por todo o alto o San Martiño cun evento no que haberá moitos concursos e premios.

A cita será na Casa da Cultura a partir das 16:30 horas, momento no que se deberá entregar a participación do concurso de cociña. Os participantes levarán preparado un postre feito a base de castañas e os tres mellores recibirán unha batidora de repostería, unha báscula ou un muíño de cociña, segundo a orde na que queden.

O seguinte concurso será unha carreira de sacos que comezará ás 17:00 horas, dividindo as categorías de adulto e de neno. Os que máis corran terán como premio diversos vales de 30, 20 e 10 euros. Os maiores poderanos gastar no bar do magosto, mentres que os cativos canxearanos por material escolar no comercio local.

O último concurso deste magosto é o de apañar castañas. As tres persoas que máis recollan en dous minutos, na categoría de adultos e na de nenos, serán os gañadores. Para participar precísase dunha inscrición no bar do magosto, onde se pagará tamén 1 euro. Os premios serán materiais relacionados coa castaña, a excepción do primeiro da categoría de adultos que é sorpresa. Ademais, valorarase o tamaño, sabor e calidade de quilos de castañas para determinar cal é o mellor e logo subastarase.

Esta festa tamén contará cunha cea a base de empanada, chourizo, panceta, churrasco e moitas castañas asadas. Ó remate haberá unha gran chocolatada para todos. Acompañando, como non podía ser doutro xeito, soará a música cunha foliada.

Para participar no magosto da Mezquita hai que anotarse antes do 8 de novembro na Casa do Concello e o custo é de 7 euros. Á disposición dos interesados teñen o 988 425 541 para obter máis información.

Programación de actividades do Magosto na Mezquita.
Programación de actividades do Magosto na Mezquita.

A Mezquita prepara un magosto cheo de concursos e moitos premios para a veciñanza