
A programación de Nadal organizada polo Concello da Mezquita, en colaboración coa Asociación Os Tres Reinos, comezou este sábado co concerto de The Tetas' Van e hoxe inicia a súa semana máis intensa con numerosas actividades, ente as que destaca o sorteo da "caca da vaca" de mañá.
Antes do prato forte desta programación, hoxe ás 12:00 horas, farase o sorteo dun carretillo de Nadal valorado en 1.500 euros (1.000 nun cheque para gastar no comercio local e 500 en produtos), haberá un concurso infantil de adornos festivos e tamén se instalará un posto no que se poderán mercar os traballos dos pequenos na Praza do Concello. Ademais, o Buzón Real quedará colocado para que os nenos envíen as súas cartas aos Reis Magos de Oriente.
O día máis agardado polos veciños da Mezquita será mañá, cando as cacas das vacas repartirán sorte. Ás 12:00 horas, fronte ao Pavillón Deportivo, terá lugar o sorteo "Onde caerán os 1.000 euros?", no que cada cagada será moi festexada, especialmente para aqueles agraciados nos que caia este "pastel".
A programación continuará o mércores coa exposición dos traballos do Concurso de Nadal da Mezquita, que se poderán ver na Praza do Concello. A semana rematará o venres cunha importante cita para os máis pequenos. O Apalpador e Papá Noel chegarán ao Edificio Multiusos da localidade ás 18:00 horas, onde os escoitarán para coñecer o que queren atopar de agasallos o 25 de decembro. Esta visita vén acompañada do Festival de Nadal no que participarán As Travesas da Mezquita e a Coral Polifónica da Gudiña.
Tamén para os máis cativos, o 27 de decembro haberá unha visita a Pazolandia en Ourense, onde desfrutarán das numerosas atraccións deste tradicional evento de Nadal na provincia. Logo, xa no 2023, haberá dous obradoiros de manualidades de Nadal que se levarán a cabo os días 2 e 4 a partir das 11:00 horas no Edificio Multiusos. Para rematar a programación, os Reis Magos farán a súa chegada ata A Mezquita o día 5 ás 19:00 horas na Praza do Concello.
