mércores 08/12/21

O Concello da Mezquita vén de aprobar, o pasado luns, os seus orzamentos para o vindeiro 2022, que superan os 1,3 millóns de euros.

Os gastos

Coma noutras ocasións, a partida que consumirá gran parte do orzamento é a de persoal, que suporá 509.084€, un 38,63% do total. Para gastos de bens e servizos, é dicir, gastos de funcionamento da institución como a luz, a limpeza dos espazos públicos ou o mantemento, entre outros, o municipio orzamentou para o 2022 395.937€, que representará un 30,05%. 

No tocante ao investimento, supera os 286.000€ -algo máis de 33.000 aportados polo consistorio- supoñendo case o 22% do total. "Sempre priorizamos as obras máis necesarias e imprescindibles para o Concello. Non temos unha política de investimentos faraónicos porque o único que fan é empeñar ao municipio", afirma o rexedor nacionalista, Rafael Pérez.

 

Os ingresos

A Mezquita recibirá a maioría dos fondos para gastos e investimentos do resto das administracións públicas. Máis da metade chegará de transferencias correntes -703.500€- ou de capital -252.974€-. No tocante aos pasivos financeiros, o Concello ingresará 15.000€ e, procedentes de ingresos patrimoniais, outros 7.301€. Os habitantes achegarán o resto dos ingresos mediante impostos directos - 177.000€- indirectos -4.000€- e taxas públicas -158.000€-. 

 A débeda, á baixa

En canto á debeda, son case 100.000€ menos en tan só un ano, case a mesma cifra que a acadada nos últimos tres. “Seguimos na mesma liña que iniciamos hai uns anos. Pasamos hai un tempo de estar nunha media de pago a proveedores de 300 días a estar nunha media de 20 ou 30 agora. Ademais, continuamos amortizando a débeda e rebaixándoa considerablemente", sentenciaba o alcalde.

NOTICIAS VERÍN | A Mezquita aproba os orzamentos cun importante descenso da débeda
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade