miércoles. 08.05.2024
Pleno de A Mezquita. | FOTO: M.Ceballos
Pleno de A Mezquita. | FOTO: M. Ceballos.

O Concello da Mezquita deu luz verde ó proxecto de licitación de varias obras para a renovación do alumeamento neste termo municipal por un importe que supera os 500.000 euros -en torno a 573.000 euros- e que vai dirixida a mellorar toda a luminaria das aldeas do municipio

Ditas licitacións, que foron aprobadas no trascurso do pleno celebrado esta tarde, teñen como obxecto a renovación da luminaria de Pereiro, por 195.305 euros; Chaguazoso e Manzalvos (156.662 euros) e, por último, Vilavella-Cádavos, neste caso, por 172.541 euros, a través do IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía. 

Durante a sesión ordinaria, tamén saiu adiante a liquidación do orzamento municipal de 2020 e varias modificacións de crédito por xeración de ingresos e transferencias como a relacionada coa reposición no Servizo de Axuda a domicilio. 

Ao remate da sesión, o rexedor da Mezquita, Rafael Pérez, destacou a importancia destas modificacións de crédito para atender cuestións fundamentais como o Servizo de Axuda no Fogar. Esta modificación, que ascende a 15.000 euros, foi presentada despois de resultar insuficiente a partida inicial por mor das baixas que houbera no servizo. 

De oito traballadoras, tivemos sete de baixa polo que tivemos que tirar dunha empresa, o que nos obrigou a facer unha modificación de crédito”, explicou o rexedor nacionalista. 

O pleno tamén acordou poñer en marcha un protocolo de actuación para atender casos de "síndrome de Dióxenes” ou algún trastorno compatible que supoña algún tipo de risco para a saúde que eviten "terribles" -di o rexedor- episodios como o acontecido en Manzalvos. 

Por outro lado, deu o visto bo a unha operación de Tesourería con Abanca de 300.000 euros “grazas ó aforro que fixemos todo este tempo e redución do pago a proveedores", en palabras do rexedor. 

No que atinxe as mocións, o Concello aprobou a presentada polo BNG, “en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega" e outra do PP en defensa de Correos. 

O goberno municipal votou en contra dunha moción do PP, na que pedía "a adopción de medidas económicas e sociais en defensa dos autónomos e das Pemes afectadas polas restricións impostas pola crise sanitaria" ao entender que o Concello non é o órgano competente. 

A Mezquita aproba tres licitacións de máis de medio millón para mellorar o alumeamento