A pequena e acolledora vila da Mezquita prepárase para unha das súas citas máis especiais do verán: a VI Feira de Artesanía "Artesanato". Como cada ano, terá lugar o vindeiro 5 de agosto, festividade local dedicada á Virxe das Neves. A Praza do Concello volverá recrear épocas pasadas cunha coidada decoración, vestimentas de época, postos de artesanía, obradoiros e demostracións do traballo artesán. Lonxe de ser un evento máis na axenda, "Artesanato" é o reflexo do incansable esforzo e a paixón dun municipio que, ano tras ano, consegue elevar esta feira a un nivel de recoñecemento e éxito exemplar.
Nacida en tempos de incerteza, durante a pandemia, esta iniciativa non só sobreviviu senón que floreceu, gañando protagonismo grazas ao compromiso, dedicación e unión entre a veciñanza. En cada edición, "Artesanato" consolídase como un referente da artesanía e a cultura tradicional galega, demostrando que o tamaño dun concello non limita a grandeza das súas propostas. Desde a súa orixe, "Artesanato" é un símbolo de como a unión e o amor pola propia cultura poden xerar un evento de calidade excepcional.
O éxito da feira non reside só na calidade dos produtos expostos, senón tamén na atmosfera máxica que se crea. É común ver a persoas de todas as idades vestidas con traxes de época, emulando os antigos oficios artesáns e tradicionais, o que engade un valor incalculable e transporta aos visitantes a tempos pasados, vivindo unha auténtica inmersión cultural nun universo de creacións artesanais.
Oficios tradicionais ao vivo
Case medio centenar de artesás e de artesáns irán á Mezquita para participar na sexta edición de "Artesanato". Un mercado artesán no que haberá postos de comestibles ecolóxicos, xoias artesanais, roupa, xabóns, instrumentos de percusión, coiro, mel, produtos de madeira e cerámica, resinas, velas, bonecas, téxtil, arte e flores, garantindo que cada quen atope o seu pequeno tesouro.
Para esta sexta edición, a programación é máis completa ca nunca, prometendo unha xornada de entretemento sen fin. Pasarrúas, foliadas e concertos porán a banda sonora a unha feira na que haberá distintos obradoiros, dende malabares para a cativada ata coiro para todas as idades. Ademais, o mestre zoqueiro Álvaro Pin fará unha demostración deste tradicional oficio. Non faltará o Mago Teto para entreter a grandes e pequenos co seu espectáculo e Daniel Cebrián presentará o seu libro "Todos tus días buenos". E, para repoñer forzas, o gran xantar popular que unirá á veciñanza e a todas as persoas para desfrutar dunha comida en comunidade.

