viernes. 19.04.2024
Xornada informativa sobre a Lei de recuperación de terra agraria de Galicia.
Xornada informativa sobre a Lei de recuperación de terra agraria de Galicia na Mezquita.

O Concello da Mezquita, en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta e a Fundación Juana de Vega, organizou unha xornada informativa sobre a Lei de recuperación de terra agraria de Galicia, posta en marcha o pasado ano, para achegar ós propietarios das parcelas todas as propostas ás que se poden unir a través dela.

O pasado mes de agosto, o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, reuniuse co conselleiro de Medio Rural, José González, para estudar a posta en marcha dun polígono agroforestal de cereal no concello. Esta xornada informativa, que tivo lugar en Manzalvos, serviu como primeira toma de contacto "con posibles interesados ou xente susceptible de querer acollerse a unha das novas figuras que propón a Lei de terras", sinala o rexedor.

 

As opcións para os donos das parcelas non só están vinculadas á posible creación do polígono agroforestal, xa que existen outras que permiten poñer en produtividade as terras abandonadas. "Poden acollerse os propietarios de terras de calquera aldea do municipio, pero na xornada concretamos máis en Cádavos e Manzalvos, nos que se pretende facer un polígono agroforestal", explica Pérez.

O alcalde confirma que unha serie de persoas se prestaron como voluntarias para sacar adiante este proxecto, que permitirá mobilizar e recuperar terras para poñer en valor espazos de concentración parcelaria abadonadas. O Concello queda pendente agora dunha segunda reunión na que se valorarán os terreos concretos nos que sería a actuación.

A Mezquita avanza nos contactos con donos de terras para crear un polígono agroforestal