mércores 19/01/22

Nunha das principais rúas da Gudiña sitúase un dos restaurantes con máis historia da zona, o Relojero. Foi, durante máis de 30 anos, referente no sector para peregrinos, traballadores e viaxeiros que precisaban dun descanso no seu longo camiño cara Madrid. Non obstante, iso non impediu que no ano 2019 tivera que botar a chave de maneira definitiva. Levaba un ano pechado, cando Suso Alén e a súa familia aterraron na Gudiña.

Decidímonos porque nos animou meu irmán. El traballaba pola zona e díxonos que este local estaba en desuso. Vímoslle posibilidades e non o dubidamos (Suso Alén, dono do Relojero)

Toda a familia é orixinaria de Salceda de Caselas, en Pontevedra. Chegaron a Ourense nun momento difícil, en plena pandemia, pero coas ideas moi claras. Xa se adicaban anteriormente á hostalería no seu lugar de orixe. Experiencia non lles faltaba e decisión para lanzarse a esta nova aventura, tampouco. Distinta provincia, mesmo sector. Así naceu a nova era do Relojero, que xa vai cumprir un ano baixo a xerencia de Suso e a súa muller Sonia.

O bar e restaurante

Abrímos a porta e o primeiro que observamos é un lugar amplo. Varias mesas na zona de cafetería e un gran comedor ao fondo. Nas paredes, decoración típica de Galicia, con monumentos históricos de toda a xeografía galega así como motivos entroideiros e referentes ao camiño de Santiago –A Gudiña acolle o final de tramo dunha das rutas-.

Cando chegamos aquí, en xullo do ano pasado, fixen unha reforma case integral do local en canto á decoración se refire. Pintei e acondicionei todo para facelo máis bonito, fixen todo eu mesmo, coas miñas mans (Suso Alén, propietario)

As paredes perfectamente pintadas fan ao lugar máis acolledor e, ao fondo, unha ampla barra na que non falta detalle. Chámanos a atención a aposta polo produto local. Suso e Sonia decidiron incorporar unha marca autóctona de Salvaterra de Miño, cen por cen galega, que se adica á distribución de café, cacao e infusións. “Sorprendeume para ben o sabor do cacao, está incluso mellor que outras marcas e alégrame saber que vén dunha empresa galega”, conta Iván, cliente habitual. “Ademais sempre o acompañan dalgún doce feito na casa, o que lle dá aínda máis valor”, engade.

PHOTO-2021-05-18-11-36-51 (2)-minSuso, o novo propietario, coa entrada do comedor ao fondo. | FOTO: Iván Iglesias.

Este é un dos puntos fortes do restaurante. A súa oferta gastronómica é totalmente caseira. Cada día, a súa cociñeira, Jacinta, natural de Verín, elabora o menú con produtos naturais e da máis exclusiva calidade. “Hoxe teño ensalada de pasta, caldo, arroz de bacalao, codillo, churrasco…e para rematar uns postres deliciosos que tamén preparo eu”, di Jacinta, que leva dez meses na Gudiña e toda a vida na hostalería. “Con dez anos metinme por primeira vez nunha cociña e xa non volvín saír. Agora teño 55”, engade.

O restaurante Relojero conta con menú do día os sete días da semana, diferente cada un deles, aínda que “o do fin de semana é algo máis especial, con produtos distintos aos do resto da semana”, di Suso, o propietario. Cando lle preguntamos polo seu prato estrela, o prato que xamais ninguén debería deixar de probar, non o dubida.

Cada fin de semana fago unha homenaxe á miña terra. Traio marisco fresco tódalas mañás de sábado procedente da Ría de Vigo co que preparamos unha deliciosa parrillada de marisco, a nosa especialidade (Suso Alén, xerente do Relojero)

Tamén, cada sábado, acode ao restaurante unha pulpeira procedente do Carballiño, que funciona como atraente a decenas de clientes. “Á xente gústalles moito o polbo e queremos achegarllo unha vez á semana aos nosos clientes. Funciona moi ben”, conta Suso. 

PHOTO-2021-05-18-11-36-51-minTerraza cuberta do restaurante Relojero, na Gudiña. | FOTO: Iván Iglesias.

O hotel

Ademais de todo o anterior, o Relojero conta tamén con servizo de habitacións as 24 horas. O complexo, construído no ano 1975, ten arredor de 25 habitacións, entre individuais e dobres, nos dous andares que ocupa. Todas dispoñen de cuarto de baño privado, útiles de aseo e televisor; e o seu asequible prezo oscila entre os 25 e os 40 euros.

As instalacións do hotel tamén as reformei. Puxen un revestimento de madeira en tódalas paredes, tarima flotante en tódalas habitacións e decorei con debuxos a man para que os hóspedes se sintan o máis cómodos posible (Suso Alén) 

PHOTO-2021-05-18-11-07-35 (2)Unha das habitacións dobres do hotel Relojero. | FOTO: Iván Iglesias.

Polo momento, o equipo de traballo consta de catro persoas pero "notamos unha mellora e cada día vén máis xente", polo que a xerencia xa estuda a próxima ampliación do seu cadro de persoal.

NOTICIAS DE EMPRESA | O rexurdimento do restaurante Relojero, na Gudiña, da man da súa...
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade