sábado. 27.04.2024
Miguel Bautista, Uxía Tizón e Adolfo Pérez Abellás.
Miguel Bautista, Uxía Tizón e Adolfo Pérez Abellás.

O concello da Gudiña, xunto ao de Carballeda de Avia, Cortegada, Parada de Sil e A Pobra de Trives, contarán cos servizos de enxeñería e consultaría do Grupo MITMA para asesoramento dixital a través do programa estatal "Rural TIC". O PSdeG-PSOE de Ourense destaca a aposta "decidida" do Goberno do Estado pola dixitalización do rural na provincia con esta iniciativa dirixida ao desenvolvemento de proxectos dixitais en poboacións de menos de 10.000 habitantes.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana lanza este programa para formar no emprego das novas tecnoloxías á poboación de máis idade nestes cinco concellos e tamén asesorar ás pemes locais. Estas poderán potenciar o seu posicionamento global con melloras ou creación de webs, aumentando a súa presencia nas redes sociais ou deseñando aplicacións que optimicen a súa actividade, entre outras. 

Dende o PSOE ourensán asegurar que se trata dun "modelo de colaboración que ten o obxectivo de contribuír á dixitalización social e económica da sociedade, rompendo barreiras que lles afasten das novas tecnoloxías". Os deputados Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón, xunto ao senador Miguel Bautista, resaltan as oportunidades que "Rural TIC", unha "aposta pioneira", ofrecerá nestes cinco concellos "a articular unha panca de dinamización e crecemento no rural da provincia de Ourense" co uso das novas tecnoloxías.

 Os socialistas recalcan o esforzo que está a facer o executivo de Pedro Sánchez para achegar á veciñanza do rural unha ferramenta que apoie ás políticas que buscan a fixación de poboación nestes municipios. "Esta experiencia permitirá que a nosa provincia e os municipios que forman parte do mesmo dispoñan de ferramentas clave para o desenvolvemento de proxectos de futuro no municipio", apuntan.

Este tipo de iniciativas articulan unha panca de dinamización e crecemento no rural da provincia de Ourense (PSdeG PSOE de Ourense)

As características da provincia, "moi envellecida" e inmersa nunha crise demográfica con pérdida de poboación "a pasos axigantados ante a falta de políticas activas da Deputación e da Xunta", fan que este tipo de iniciativas como "Rural TIC" son unha axuda "para contrarrestar anos de desidia do PP e para darlle un importante pulo á loita contra a crise demográfica".

A fórmula deseñada pola compañía do grupo MITMA permitirá aos profesionais que formen parte do programa desprazarse temporalmente ás poboacións da provincia e compaxinarán o teletraballo coa realización de talleres formativos de dixitalización social e económica. A través deste formato de colaboración, os participantes de Ineco dedicarán un 20% da súa xornada laboral a estas accións, mentres os concellos aportarán a estancia durante os días laborais do período de desenvolvemento do programa.

Dende o  PSdeG-PSOE de Ourense aseguran que isto "permitirá ao talento dixital de Ineco desfrutar das vantaxes da contorna e achegar a exclusiva oferta turística, patrimonial, natural e cultural dos municipios da nosa provincia".

NOTICIAS VIANA | A Gudiña recibirá asesoramento dixital co programa "Rural TIC"