jueves. 25.04.2024
Ethel Vázquez e José María Lago firmaron o convenio na Gudiña.
Ethel Vázquez e José María Lago firmaron o convenio na Gudiña.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde da Gudiña, José María Lago, firmaron hoxe un convenio de colaboración no que a Xunta lle aportará 52.000 euros á entidade local para mellorar o sistema de depuración en Carracedo da Serra. Vázquez destacou que con este acordo atallarán os problemas de depuración de augas residuais neste núcleo, para dar un mellor servizo ós veciños e ter "en perfectas condicións as redes municipais de saneamento".

A través de Augas de Galicia apoiarán e asesorarán ao Concello na execución dos traballos, ademais de financiar as obras de mellora do sistema de depuración, achegando os 52.000 euros necesarios. Pola súa banda, o Concello encargarase das obras de construción do novo sistema de depuración en Carracedo da Serra, que teñen un prazo de execución de tres meses.

Vázquez explicou que o núcleo de Carracedo da Serra dispón, agora mesmo, cun sistema para depurar as augas composto por un unha fosa séptica prefabricada e dous módulos soterrados que están en "mal estado", ademais dun colector de saída que verte as augas depuradas directamente ao terreo.

Na colaboración co Concello da Gudiña impúlsanse as obras necesarias para paliar as deficiencias no sistema de depuración, co obxectivo de rematar cos episodios de malos cheiros que se producen sobre todo no verán, e tamén atallando os vertidos que se rexistran, especialmente, en época de choivas.

As actuais instalacións demoleranse e executarase un novo sistema para depurar as augas, con infiltración ao terreo. A conselleira precisou que a nova depuradora disporá de arqueta con reixa de desbaste manual, desareador-desengraxador e unha fosa con filtros cun volume total de 31.500 litros. Para o depósito dos residuos procedentes do desbaste engadirase un contedor de 800 litros de capacidade.

A obra contará coa colocación de arredor de 13 metros de tubaxe, para conectar o sistema de depuración con outro previsto para o vertido das augas depuradas por infiltración ao terreo. Ese último farase mediante tres franxas filtrantes de 21 metros de lonxitude cada unha para asegurar unha correcta depuración.

NOTICIAS VIANA | A Gudiña traballa na mellora da depuración en Carracedo da Serra