miércoles. 24.04.2024
Cartel das festas na Gudiña, que comezan mañá.
Cartel das festas na Gudiña, que comezan mañá.

A Gudiña terá de novo as súas festas na honra de San Bartolomeu. Mañá darán comezo a catro días de troula, porque "a xente ten ganas" despois de dous anos sen poder celebrarse, como destaca o alcalde, José María Lago. Pensadas para todos, a programación terá moita música e tamén actividades para os máis cativos.

As festas volverán a ter lugar na explanada da vella estación de tren, para recuperar a tradición que se paralizou pola pandemia. "Queremos retomar a vida normal despois de dous anos duros e farémolo con tres días de festa e un para o Día da Bici", destaca Lago. O rexedor recoñece que os festexos non coinciden nas mellores datas, pero "é cando toca" porque o día grande celébrase este mércores.

O primeiro día das festas contará coa actuación do grupo Brañas Folk, que presenta o seu novo disco "Godaxe!", ás 21:00 horas. A medianoite será o turno da discomóbil A Esmorga para amenizar a xornada dos máis trasnoitadores. O mércores, día grande das festas de San Bartolomeu, comezará cun pasarrúas a cargo da banda de gaitas e ás 12:30 horas sairá a imaxe do santo en procesión antes da misa, que estará amenizada polo Coro da Gudiña. Pola tarde a orquesta Charleston Big Band dará sesión de festa e verbena.

Queremos retomar a vida normal despois de dous anos sen ter as festas. A xente ten ganas delas (José Maria Lago, alcalde da Gudiña)

O xoves os máis cativos serán os protagonistas coa Festa do Neno que comezará ás 17:30 horas. Esta vez, nun contexto de seca, as actividades para eles estarán pensadas doutro xeito. "Outros anos tiñamos festa da auga e da espuma, pero nesta ocasión non procede. Se lle pedimos á xente que controle o seu emprego, non nos vamos a poñer nós a gastala nunha festa", explica Lago. Os rapaces desfrutarán de inchables e moitas outras actividades, pero sen auga.

Nesta mesma xornada tamén se contará coa charanga Los Támega para amenizar a tarde e pola noite será o turno do concerto de La Banda, ás 00:30 horas, que logo dará paso á discomóbil A Esmorga. Por último, o venres terán o Día da Bici cun percorrido que arrancará ás 10:00 horas. Esta actividade terá premios para os cativos, para os máis maiores, para as familias numerosas e para a bicicleta máis orixinal. Esta data tamén contará con obradoiros de seguridade viaria impartidas pola DXT.

As festas da Gudiña tamén pensan noutros aspectos como é o aforro. Nesta ocasión non se instalaron luces nas rúas "para evitar o gasto" de consumo enerxético que xeren, apunta o alcalde. Tampouco se lanzarán fogos artificiais "polo alto risco de incendio", xa que este verán está a ser especialmente duro en canto aos lumes e A Gudiña é un dos concellos que os sufriu.

NOTICIAS VERÍN | A Gudiña recupera as festas de San Bartolomeu con catro días de troula