lunes. 20.07.2026
Unha sesión informativa que incidiu na importancia de adoptar condutas seguras

NOTICIAS VERÍN | COGAMI sensibiliza sobre a prevención da lesión medular ao alumnado do CPI Laureano Prieto da Gudiña

20250521 Charla Cogami Cole Laureano Prieto A Gudiña02
Eva Vázquez Reinaldo, traballadora social de COGAMI, e José Antonio Ramos, voluntario, foron os encargados de impartir a sesión informativa.

Coa vista posta nas inminentes vacacións estivais, época de ocio e actividades ao aire libre, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) achegouse ao CPI Laureano Prieto do Concello da Gudiña para impartir unha charla de sensibilización sobre a prevención da lesión medular e a discapacidade. A actividade, na que participaron 40 estudantes de 1º a 4º da ESO, incidiu na importancia de adoptar condutas seguras para evitar accidentes que poidan ter consecuencias irreversibles.

 

Unha sesión impartida por Eva Vázquez Reinaldo, traballadora social da área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, quen fixo fincapé nos riscos asociados a determinadas prácticas que, especialmente durante o verán, poden derivar en lesións medulares. Saltar desde alturas, as zambullidas en lugares descoñecidos ou a imprudencia ao practicar deportes son algunhas das situacións de alto risco que se abordaron, co obxectivo de que o alumnado tome conciencia da vulnerabilidade da medula espiñal. A mensaxe principal foi clara: a prevención é fundamental para gozar dun verán seguro e sen contratempos.

 

20250521 Charla Cogami Cole Laureano Prieto A Gudiña
Na charla incidiuse na importancia de adoptar condutas seguras.

 

Ademais da prevención, Eva Vázquez tamén resaltou a relevancia da diversidade e a necesidade de construír unha sociedade verdadeiramente inclusiva, que respecte e valore as capacidades de todas as persoas. A intervención de José Antonio Ramos Alonso, voluntario colaborador de COGAMI, achegou un toque de realidade e esperanza. José Antonio compartiu o seu testemuño persoal sobre como vive coa súa discapacidade, desafiando estereotipos e mostrando unha visión realista e positiva da vida. A súa historia foi un poderoso exemplo de superación, que invitou á reflexión sobre os prexuízos e as barreiras sociais que aínda deben ser superadas.

 

A sensibilización e a prevención son eixos prioritarios para COGAMI. Ao longo do ano, a entidade desenvolve un intenso labor en centros educativos, entidades e concellos para concienciar sobre a diversidade humana e promover o respecto. No que vai de 2025, xa se teñen impartido 39 charlas centradas na prevención da lesión medular e na sensibilización sobre a discapacidade, demostrando o compromiso de COGAMI con unha sociedade máis segura e consciente.

NOTICIAS VERÍN | COGAMI sensibiliza sobre a prevención da lesión medular ao alumnado do...