domingo. 19.07.2026
A plataforma veciñal reuniuse co subdelegado do Goberno en Ourense, perseverando no seu obxectivo de ter un tren útil no rural

A IMAXE DE... | Dereito ao Tren acadando o compromiso de Eladio Santos de trasladar as súas demandas ao Ministerio de Transportes

20250918 Reunión Eladio Santos Plataforma Dereito ao Tren
Membros da plataforma Dereito ao Tren reuníronse con Eladio Santos na Subdelegación do Goberno en Ourense.

A loita por un servizo de tren digno e accesible para todas e todos segue o seu curso e a plataforma Dereito ao Tren deu un paso máis. Tras reunir milleiros de sinaturas e acadar unha masiva asistencia da veciñanza das bisbarras de Verín-Monterrei, Viana e Valdeorras e da veciña Zamora á manifestación de agosto, agora o colectivo reuniuse co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

No encontro, a plataforma veciñal trasladoulle ao subdelegado do Goberno as súas demandas para conseguir que se recuperen as frecuencias de tren na estación da Gudiña, un servizo que consideran clave para o futuro e a cohesión do seu territorio. Eladio Santos comprometeuse a trasladar as demandas ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, asegurando que se está a traballar en permanente contacto coas alcaldesas e alcaldes da zona para mellorar os servizos.

A plataforma veciñal, que naceu tras a supresión de paradas do AVE na estación da Gudiña, pon de manifesto a importancia da unidade e da perseveranza na defensa dos dereitos da veciñanza do rural. Esta reunión é unha máis das que están a manter con todos os axentes implicados e, como prometen, a loita continurá ata conseguir o seu obxectivo: un transporte que sexa vida e futuro para o rural galego.

A IMAXE DE... | Dereito ao Tren acadando o compromiso de Eladio Santos de trasladar as...
Comentarios