domingo. 19.07.2026
Unha tradición recuperada pola veciñanza

A Gudiña presenta o programa do Entrudio 2026 como unha gran celebración comunitaria

2023 Entrudio A Gudiña, entroido
Entrudio da Gudiña no ano 2023, data na que deu comezo a recuperación desta tradición.

Entrudio da Gudiña continúa consolidándose neste 2026 como unha celebración comunitaria que foi recuperada tras máis de 20 anos sen celebrarse. Este proceso, iniciado en 2023 polo impulso da AC Os Torgueiros, medrou ano a ano grazas á incorporación de numerosos colectivos e asociacións ata converterse nun evento compartido por todo o concello. Nesta edición participan activamente asociacións como O Carballal, Mulleres Rurais Xestas e Toxos, os fulións de Tameirón e Carracedo, a AVV A Pingarela do Canizo e a AC O Tarabustio de Pentes, nun exemplo único de colaboración veciñal.

Imaxe oficial do Entrudio A Gudiña 2026.
Imaxe oficial do Entrudio A Gudiña 2026.

O programa arranca este domingo 25 de xaneiro cun obradoiro de elaboración do Entrudio na Casa da Viúva. As actividades continuarán a finais de mes coa xuntanza de fulións en Carracedo e o Xoves de Comadres o 12 de febreiro. O día grande será o sábado 14 de febreiro, cun desfile de carrozas, comparsas e fulións que sairá ás 17:00h cara á estación vella. A xornada incluirá animación musical, unha fariñada nun espazo concreto para favorecer a convivencia e a emblemática queima do Entrudio.

As aldeas de O Tameirón, O Canizo e Pentes tamén terán os seus propios desfiles e celebracións entre o 15 e o 17 de febreiro. Aquelas persoas interesadas en participar no desfile de carrozas e grupos de disfraces deben realizar a súa inscrición no Concello da Gudiña antes do 11 de febreiro. Con esta ampla programación, a Gudiña reafirma a súa aposta por manter vivas as raíces e o bo desenvolvemento dunha xornada feita entre todas e todos.

Cartel completo coa variada programación do Entrudio 2026 en todas as aldeas da Gudiña.
Cartel completo coa variada programación do Entrudio 2026 nas aldeas da Gudiña.

PROGRAMA ENTRUDIO A GUDIÑA 2026

DOMINGO, 25 DE XANEIRO (A GUDIÑA)

  • 16:30h: Obradoiro de Compadres e Comadres e elaboración do Entrudio na Casa da Viúva.

30, 31 DE XANEIRO E 2 DE FEBREIRO (CARRACEDO)

  • Tarde-noite: Xuntanza de fulións.

XOVES, 12 DE FEBREIRO (A GUDIÑA)

  • Cea de Comadres: Organizada por Mulleres Rurais Xestas e Toxos no Restaurante Óscar de Menes, coa música de DJ A Esmorga.

SÁBADO, 14 DE FEBREIRO (A GUDIÑA)

  • 17:00h: Desfile de carrozas, comparsas e fulións.

  • Percorrido: Saída desde os Xardíns do Beato cara á estación vella.

  • Animación: Charanga Fuego Street Band.

  • Festa na Estación: Fariñada, queima do Entrudio e servizo de bar con sopa quente.

  • Fin de festa: Discomóbil A Esmorga.

DOMINGO, 15 DE FEBREIRO (O TAMEIRÓN)

  • 17:00h: Desfile de Entroido.

MARTES, 17 DE FEBREIRO (O CANIZO E PENTES)

  • 17:00h (O Canizo): Desfile de Entroido.

  • 19:00h (Pentes): Celebración do Entrudio.


Inscrición para o desfile: Os grupos e carrozas deben anotarse no Concello da Gudiña (988 594 006) antes do 11 de febreiro.

A Gudiña presenta o programa do Entrudio 2026 como unha gran celebración comunitaria