domingo. 19.07.2026
Para a agrupación o principal premio é compartir escenario con dez corais de prestixio

A Coral Beato Sebastián Aparicio da Gudiña participará no I Certame Coral Galego

Coral Beato Sebastián Aparicio
O Certame Coral Galego celebrarase na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

A Coral Beato Sebastián Aparicio da Gudiña vivirá unha xornada histórica o próximo mes ao ser admitida para participar no I Certame Coral Galego, organizado pola Federación Coral Galega (FECOGA). A agrupación foi seleccionada para competir dentro da Sección Primeira (Adultos), que se celebrará o sábado, 1 de novembro de 2025, no Auditorio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

O fito ten un valor engadido para a coral da Gudiña, que se medirá xunto a outras 10 corais de toda Galicia. Tal e como comunicaron desde a propia agrupación, o premio xa foi ser admitida no concurso: "Para unha Coral de pobo, da Galicia 'profunda', sen coñecementos nin formación musical máis aló dos imprescindibles e necesarios para aprender por repetición", recoñecía a dirección da Coral. A posibilidade de compartir cartel e escenario con corais de tan alto prestixio e nivel musical convértese, para a agrupación musical da Gudiña, na máis "fermosa e apaixonante experiencia".

O certame, que nace coa vocación de ser un escaparate para o talento musical do país, busca promover a calidade artística e o valor cultural do canto coral. A Federación Coral Galega crea este evento para que "sirva de estímulo tanto para as agrupacións consolidadas como para as novas xeracións de coralistas, asegurando así o futuro e a riqueza da música vocal en Galicia".

A Coral Beato Sebastián Aparicio competirá por premios que na súa sección alcanzan os 2000 € para a agrupación ganadora, ademais do recoñecemento que supón actuar neste evento de prestixio. Agora, deben preparar a súa actuación e escoller un repertorio que vén marcado polas bases do certame. Terán 13 minutos para interpretar un programa composto por tres obras: unha de presentación, de temática e autoría galega e en galego, unha habanera e unha obra libre.

A Coral Beato Sebastián Aparicio da Gudiña participará no I Certame Coral Galego