Xoves. 28.03.2024
Reunión das concelleiras do BNG cos veciños de Erosa.
Reunión das concelleiras do BNG cos veciños de Erosa.

As concelleiras do BNG da Gudiña, Raquel Fernández e Andrea Marín, visitaron onte a aldea de Erosa, onde conversaron coas veciñas e veciños sobre os problemas de saneamento que está sufrindo o lugar na actualidade.

O grupo político recibiu as queixas sobre o estado da fosa séptica do pobo. Segundo afirman, hai varias obstrucións en diferentes puntos das tubaxes que levan á foxa, provocando vertidos nas rúas do lugar. Os residuos, ademais, acaban no río Chaira da Veiga. Segundo os propios residentes, o fedor é insoportable e amosan a súa preocupación pola desembocadura das augas fecais no río.

O BNG preguntou polo problema da fosa séptica de Erosa en numerosas ocasións durante as sesións plenarias, sen recibir unha resposta aclaratoria. No último mes, os veciños trataron de poñerse en contacto co alcalde, Jose María Lago, pero tampouco obtiveron resolución, segundo afirman os nacionalistas.

O estado da foxa debería ser o adecuado, sendo esencial a limpeza desta. Por estes motivo, o grupo municipal do BNG presentou hoxe, mediante o rexistro telemático, unha moción na que insta ao goberno do concello da Gudiña a que se repare a obstrución na fosa séptica e que haxa un mantemento axeitado de dita instalación, para así evitar vertidos nas rúas e no río, garantindo a seguridade e limpeza destes. 

Tamén se encomenda ao alcalde a que non eluda as súas responsabilidades e que fale cos residentes de Erosa; facéndolle unha visita á aldea para comprobar, de primeira man, os danos producidos por estes problemas de saneamento. 

O rexedor apela a concienciación da veciñanza

Segundo as declaracións feitas para este medio, José María Lago, primeiro edil da Gudiña, alega que a solución baséase principalmente na concienciación veciñal, xa que parte do problema vén dado polo atrancamento dos desaugadoiros da fosa, debido a que os veciños depositan nestes, residuos non biodegradables. 

O BNG da Gudiña reúnese cos veciños de Erosa para tratar o problema da fosa séptica