Venres. 29.03.2024
O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, acompañado polo vicepresidente, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, coñecen o novo albergue. | VÍDEO: M. D.

Arredor das 11:30h chegaba á Gudiña o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, para presentar oficialmente o novo albergue de peregrinos da localidade situado na popular 'Casa da Viúva', que anteriormente funcionaba como Oficina de Turismo.

Feijóo foi recibido ás portas do edificio polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén. Como anfitrión, o alcalde do municipio, José María Lago, que fixo gala do seu poder de convocatoria ao xuntar aos dous máximos mandatarios da Xunta de Galicia.

Despois do saúdo oficial comezaron a ruta para coñecer este edificio senlleiro rehabilitado pola Xunta de Galicia, cun investimento de preto de 300 mil euros, que conta cunha superficie de 1200 metros cadrados repartidos en tres andares. 

O primeiro andar está destinado á recepción, onde tamén se pode visitar unha sala de exposicións con produtos de artesanía galega. O segundo andar, aos dormitorios e a outros servizos, como duchas -que foron construídas individualmente- e habitacións adaptadas ás persoas con discapacidade física. No sótano atópase unha sala multiusos que conta con servizo de cafetería.

Albergue de peregrinos de A Gudiña, Casa da Viúva.Interior do museo etnográfico. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

O novo albergue, que previsiblemente entrará en funcionamento a próxima semana cun total de 44 prazas, é "un dos 13 albergues da Vía da Prata e, probablemente, un dos 10 máis importantes de toda Galicia, onde temos un total de 78", recalcou o presidente, facendo referencia ao tamaño, prazas, servizos e tendo en conta, segundo as súas propias palabras, que se localiza "no vial máis importante de entrada a Galicia".

Durante a súa intervención o presidente quixo resaltar a importancia de contar con albergues de calidade porque "son moi importantes xa que reciben á xente que nos visita" e animou a facer o Camiño porque "é unha das actividades máis saudables que pode facer calquera cidadán do mundo". Tamén recalcou que "levamos investido moito en albergues e ímolo seguir facendo no marco do Plan Estratéxico do Camiño"

Ao acto acudiron algúns dos alcaldes da contorna -Rafael Pérez, da Mezquita; Manuel Cardoso, de Vilardevós ou Francisco Veiga, de Riós-. Tamén o xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, e o presidente da Asociación Cultural 'Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata', José Luís Rodríguez.

Plan estratéxico do Camiño

O presidente Feijóo incidiu na importancia de seguir un protocolo de seguridade no Camiño de Santiago, por iso, recordou a existencia do seguro para turistas, co que os viaxeiros poderán contar, en caso de ser necesario, coa realización de PCR e cuarentenas gratuítas nos aloxamentos que teñan seleccionados.

Tamén está a disposición dos peregrinos un teléfono para consultas epidemiolóxicas e de información xeral, o 881002021; e a app Passcovid para consultar o grao de restricións e os protocolos a seguir en cada un dos municipios.

O presidente Feijóo inaugura na Gudiña o novo albergue 'cinco estrelas' para comezar o...