jueves. 25.04.2024

OPINIÓN | De roteiro cos nosos cans

"Xungo", no alto das Pisadiñas, en Laza.
"Xungo", no alto das Pisadiñas, en Laza.

O bo tempo convida a gozar da natureza e do deporte ó aire libre. O teu can pode converterse nun estupendo compañeiro de andaina. Animarse a practicar sendeirismo acompañado do teu can é unha boa maneira de osixenar o corpo e a mente lonxe dun núcleo urbano e do estrés do día a día, ademais de manterse en forma. A curiosidade innata do teu can fará que a natureza que nos rodea se perciba e aprecie en maior medida. A súa intuición darache un extra de seguridade durante o roteiro. Verás a súa felicidade ó sentirse libre para camiñar e correr nestes entornos.

Uns consellos previos

Para comezar a conectar coa natureza xuntos, debemos ter en conta unha serie de consellos para poder desfrutar con seguridade da vosa ruta sendeirista.

En primeiro lugar, deberemos planificar a ruta. Deberemos coñecer o tempo aproximado que nos levará, os quilómetros, o desnivel e o tipo de terreo. Desta forma prepararemos o avituallamento necesario, tanto para nós como para os nosos compañeiros de catro patas. Debemos evitar as rutas con tramos de difícil acceso para os nosos cans, como pasos de escalada, pontes colgantes ou vías de ferro. Así tamén deberemos eludir zonas de estrada ou con demasiado tránsito. É importante saber se no camiño imos ter acceso á auga onde poidan beber e brincar e facer a previsión da auga que deberemos cargar. A auga é moi importante en tódalas épocas do ano. A comida non se fai tan imprescindible, a non ser que sexan rutas de máis de oito horas, pero que se leve nunha bolsiña un pouquiño de penso, vano agradecer.

Á hora de elixir unha ruta débese ter en conta a resistencia física do teu can, así como a raza ou a idade. Non podemos pretender que un can de vida sedentaria faga moitos quilómetros de golpe, ou faga o mesmo traxecto un can de dous anos que outro de dez. Cantos máis paseos demos, o nivel tamén irá subindo.

É moi importante coñecer o carácter do noso can. Deberemos saber se é sociable con outros cans, persoas ou nenos. Poderemos ir así acompañados doutros camiñantes e os seus cans logrando ademais unha interacción entre eles moi recomendable. Sería moi desagradable para outros sendeiristas que un can lles ladre, se pelexe con outros cans ou teña conductas pouco sociables. Se tes un can non sociable, ou non está educado para que non se vaia do noso lado, deberalo levar atado. A natureza ofrécelles un estímulo extra de olores e percepcións. Poden coller rastros de animais salvaxes, ou cruzarse con eles e a súa curiosidade pode acabar nun desgusto. Nunha zoa de monte ou bosque pode ser moi difícil atopalo se se perde. Unha boa opción son as correas longas tipo canicross, que nos permiten levalas á cintura e así ter as mans libres.

Moi importante nas saídas e paseos pola natureza é levalos protexidos fronte a parasitos e mosquitos. Coa abundancia de vexetación, pode haber zonas de gran carga parasitaria, tipo carrazas e flebotomos, que poderían transmitir certas enfermidades ós vosos compañeiros. Tamén é necesario que teña unha pauta vacinal correcta e ó día, xa que podería acercar o nariz a excrementos, de lobo ou  raposo, por exemplo e infectarse dalgunha enfermidade contaxiosa.

Camiñar cos nosos cans pola natureza será unha aventura inesquecible para ambos, unha experiencia enriquecedora potenciando os lazos de unión entre ambos, observando vistas marabillosas e descubrindo novas paraxes onde desfrutar xuntos.

OPINIÓN | De roteiro cos nosos cans
Comentarios