viernes. 19.04.2024

OPINIÓN | A agulla da costura que enfiou sabiamente a esencia de Monterrei

Roberto Verino. | FOTO: Javier Márquez.
Roberto Verino. | FOTO: Javier Márquez.

Neste sábado, quente e tormentoso de xuño, Verín está de festa, porque recoñece e engalánase cunha mención moi importante. Medalla á sabedoría, á constancia, ó esforzo, á disciplina, á cultura e sobre todo, ó amor a unha terra e por toda a traxectoria dunha vida, dedicada en silencio ó traballo e o bo facer. E digo que está de noraboa, porque un paisano, un veciño que sempre apostou firmemente por este val, será nomeado Académico de Belas Artes, e como non podía ser doutra maneira, a cerimonia celébrase, pola súa decisión, no Auditorio de Verín.

O profeta que leva a Verín polo mundo adiante tatuado na súa fronte, por fin, é elixido no seu natío, arúspice, feiticeiro e zahorí. Este título soamente téñeno os sabios e os mestres, condicións das que abonda o noso veciño Roberto.

Inda que a partir de hoxe, Roberto Verino ten a meritoria categoría social de ilustrísimo, se vivira Taboada Chivite, estaría presente no seu libro inacabado dos "Varóns ilustres" de Verín, porque nesta altura da historia seguramente é o verinés con máis renome, celebridade, prestixio e con máis sona de éxito internacional, incluso atrévome a dicir que ten máis gloria que as augas minerais e os suculentos e afamados viños da comarca, onde el tamén ten unha onda positiva moi importante que mostrar.

A primeira importancia senlleira que temos que homenaxear é que, dende un principio, escolleu o nome de Verín para incorporalo directamente como o seu emblema empresarial. O seu estigma sagrado. Naquela altura, escoller Verino para o proxecto local era unha fantasía, unha aventura, unha irrealidade inxustificable. Acollerse a un selo universal co nome de Verín, para prosperar no negocio da moda, tiña un compoñente moi elevado de risco, e asumiu directamente o fracaso en prol do nome do seu pobo, para defender co peito por diante e a mirada de fronte, a unha vila senlleira, que gracias a el pasou a ser atractivo de moitos turistas interesados no seu proxecto. Meus parabéns!

Nacido no mes das flores, no tempo onde a primavera sementa o rebulir no sangue dos namorados, os tronos aparecen para encher o ceo de incertidume, o sol ensina a diario as súas cores e as nubes escóndeno a súa vontade, e a lúa, ese espello máxico, inunda de luz o val de Monterrei, onde agroman, ó seu albedrío, as flores máis vistosas do universo. Na mina do Gargalo a Pamplina vístese de fermosura e os Couselos baixan a frescura do ceo para agarimar ás senlleiras videiras. Neste singular ecosistema está a esencia de Roberto Verino que, cunha máquina de coser, forxou unha nova filosofía no mundo da moda, e levouno a un recoñecemento internacional en pouco tempo. Nunha vila sen tradición téxtil, consagrouse como o soberano e alteza no ámbito da costura.

Dende o seu París educativo, berce dos seus estudios, trouxo a Verín a maxia do Sena e a do Sacre Coeur, o "Pret a porter", para iniciar en solitario un camiño inspirado nas vides, nas augas, no Pozo do Demo, na Fonte do Sapo, no Támega, no Gargalo e nos coiros curtidos alén do río. Namorouse do val das follas das parras, que seguramente foi o primeiro vestido recoñecido da humanidade, posto de moda por Eva e Adán, no paraíso prometido.

O val histórico do liño namorou o maxín de Roberto, prendeu esa riqueza, e nunca se liberou de tan insigne importancia. "Partir, c'est mourir un peu, mais mourir, c'est partir beaucoup". Este emblema e sino pinchouno no seu peito cun alfinete eterno.

Verín é inspirador de artesáns e creadores, músicos e poetas, ilusionistas, autores e magos, contempladores e soñadores dun mundo mellor. Os verineses somos construtores dunha realidade moi asumible e exportable a todo o mundo, porque en Verín hai harmonía, fogar, familia e acougo nos tres reinos. Roberto Verino bebeu desta fonte misteriosa da sustancia do val de Monterrei.

O ilustre mestre do dedal, o creador das emocións, no limbo dos deseñadores mundiais, entre as tesoiras e a regra, as cremalleiras, botóns, alfinetes e pasadores de seguridade, algodóns, tergais, sedas, panas e a cinta de medir, consagrouse como o enhebrador e enfiador da cultura do val das augas e do corazón dos viños. Roberto Verino soubo adaptar cada primavera ás novas xeracións, durante catro décadas, sen repetir a mesma tendencia. O seu estilo sedutor convenceu polas boas a moitos amantes da moda. Poñer a esencia de Verín nunha tela, patronala nun vestido, non é mecanismo fácil, e Roberto fíxoo e colocouno nos mercados internacionais con dificultade ou facilidade, pero exportou Verín a todo o mundo, no modo téxtil, como se di agora.

A súa primeira premisa é a calidade, a opción dos intelixentes e dos que apostan sempre polo mellor. Despois unha patronaxe axeitada e adoitada ollando cara a máxima elegancia. Isto pare el, non ten fallo, nin para naide.

Na miña mocidade e noutros tempos máis adiante, lembro o infindo número de cadeas de costureiras traballando a reo nos baixos de toda a comarca de Monterrei, gracias á idea de Roberto Verino

Na miña mocidade e noutros tempos máis adiante, lembro o infindo número de cadeas de costureiras traballando a reo nos baixos de toda a comarca de Monterrei, gracias á idea de Roberto Verino, para potenciar o traballo social, a unidade laboral e a economía local, có único interese de darlle valor e calidade de vida ós veciños do val. Cantas familias fixeron da súa vida unha cama cómoda, gracias ó traballo téxtil! As iniciativas e as ideas soamente cobran valor cando son realidades, e as cadeas foron unha gran verdade en toda a comarca. Ninguén pode dubidar da riqueza local que trouxo a idea de costurar no val de Monterrei!

O seu facer tivo recoñecementos alleos a este concello, como a Medalla Castelao, o Galego do mes, o Agulla de Ouro, e a Medalla de Belas Artes, na que este sábado accede pola porta grande como Académico numerario. Verín ábrelle o pórtico da dignidade e axeónllase a seus pés, porque Roberto Verino é merecente dunha silente e sentida homenaxe.

Este sábado é nomeado académico de Belas Artes, pero tamén a inexistente Real Academia do Viño tiña que sentalo na mesa presidencial, e a Academia do Perfume cederlle unha nobre cadeira. O mundo da sabedoría popular debería nomealo como o primeiro profeta da súa terra, porque é capaz de compor unha sinfonía con telas de liño, unha obra pictórica coas cores da seda, un edificio con botóns, unha ponte con fíos de lá, unha torre tecida con hebra enhebradora, unha limusina coa arte da súa vida e un manequín soportando a infinidade de ideas para convertelos con sinxeleza en persoas vivas.

Roberto Verino é das persoas que moi lonxe do interese, importou, para tódolos veciños de Verín -para os que son sabios receptores- a cultura, o encanto, a delicadeza e o arte, a educación, a gallardía, a sensibilidade e a beleza, a colaboración e o respeto ós compañeiros, a responsabilidade ó compromiso e sobre todo a ledicia de levar para casa un sentido da honestidade e do recoñecemento do traballo ben feito...

Roberto Verino é das persoas que moi lonxe do interese, importou, para tódolos veciños de Verín, para os que son sabios receptores, a cultura, o encanto, a delicadeza e o arte, a educación, a gallardía, a sensibilidade e a beleza, a colaboración e o respeto ós compañeiros, a responsabilidade ó compromiso e sobre todo a ledicia de levar para casa un sentido da honestidade e do recoñecemento do traballo ben feito..., valores que na sociedade actual son moi difíciles de encontrar e moito máis arduo e complicado é o labor de compartilos, incluso cos propios compañeiros.

Neste intre a miña obriga é dicir que todo isto que contei é moi insignificante ante a gran humildade de Roberto. Sempre que nos topamos de fronte, a sinxeleza, o sorriso, a modestia, o recato, a llaneza que está entre nos, espléndido e magnífico é o que o fai moito máis grande e admirable que toda a fama que a humanidade lle colgou polo seu afamado merecemento.

Dende o meu punto de vista, por principios, nel non acampou a soberbia. Esta é a súa moeda de máis valor. A sinxeleza e disposición que viste a diario, é moito máis importante que toda a brega premiada dos traxes que fixo no seu longo camiñar. No status que a sociedade colocou a Roberto Verino, non lle afectou para ser o humilde Manolito, veciño de Verín, amigo e confidente dos seus obreiros, e compañeiro dos seus amigos ás costas do pirograbado letreiro social: "Roberto Verino, afamado deseñador universal de Verín". Pasea por Verín como o máis humilde dos seus veciños. Esta é realmente a súa gloria.

Nel non acampou a soberbia. Esta é a súa moeda de máis valor

Despois deste recoñecemento que vén do exterior, deste nomeamento institucional alleo á veciñanza, agora pensarán en facer de Roberto Verino un fillo predilecto da vila, pórlle o seu nome a unha rúa, ou incluso facer unha estatua para unha praza e desa maneira, ensalzar a gloria allea, cunha estrela dourada diante da fábrica en Amaro Refoxo, ou unha cepa de bronce na encanada do castelo. Escusamos esa parafernalia, estará en Verín e nas súas xentes, no agarimo e no candor dos de sempre. Para o mundo xa é a gloria máis eterna que un mortal pode asumir.

Meus parabéns e no nome de toda a comarca de Monterrei e dos seus veciños, por benfeitor, mensaxeiro, embaixador, filántropo, humanitario, emisario, divulgador e difusor da esencia deste val por todo o mundo dende as cousas máis sinxelas, o dedal, o liño e o viño.

No meu nome e no de tódolos que nos sentimos con ese sangue amiga e agradecida, dámosche as gracias. Varias veces. Gracias, gracias, gracias...

Parabéns e noraboa.

 

OPINIÓN | A agulla da costura que enfiou sabiamente a esencia de Monterrei
Comentarios