Evento
AXENDA | A Praza Maior de Viana do Bolo albergará un torneo de basket 3x3
A Praza Maior de Viana do Bolo será escenario, o vindeiro sábado, 18 de xullo, dun Torneo de Basket 3x3 dentro do Programa Fomento Deportivo da Deputación Provincial de Ourense, en colaboración co Concello de Viana do Bolo. Os encontros disputaranse en horario de tarde-noite, con equipos de entre tres e cinco xogadores e xogadoras, que poderán ser mixtos.
O torneo contará con tres categorías: Benxamín-Alevín (de 8 a 11 anos), Infantil-Cadete (de 12 a 16 anos) e Absoluta (a partir de 16 anos). As inscricións realizaranse no Concello, indicando o nome do equipo e a categoría na que participa, o nome e apelidos e ano de nacemento das persoas participantes, e o teléfono de contacto e correo electrónico da persoa responsable do equipo. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o venres 17 de xullo, e a persoa responsable de cada equipo recibirá por correo electrónico e/ou WhatsApp os horarios e o regulamento do torneo.
A xornada incluirá ademais unha charla formativa con persoal do COB, que terá lugar tamén o sábado 18 de xullo, ás 12:00 horas, no Pavillón Deportivo, impartida por Marga Rodríguez, adestradora da selección galega de baloncesto.
