domingo. 28.04.2024

Evento

AXENDA | Presentación do plan de xestión de biorresiduos de Verín

22/2/24
20:00
Salón de actos da Casa da Cultura de Verín.
Presentación plan biorresiduos verín 2024

O Concello de Verín vai poñer en marcha un novo plan para mellorar a xestión dos residuos orgánicos xerados no municipio. Trátase de incidir na necesidade da compostaxe como factor decisivo para mellorar a recollida selectiva e afondar na reciclaxe e reutilización de residuos.

De vital importancia para o éxito do proxecto é a participación cidadá; por iso o Concello presentará as iniciativas para mellorar a xestión dos biorresiduos e convida á veciñanza e ao tecido empresarial a asistir a un evento no que se poderá coñecer de primeira man as medidas que contempla. 

Fomentar a compostaxe doméstica e a autoxestión dos residuos na contorna rural e engadir un novo contedor - marrón - no ámbito urbano para materia orgánica son algunhas das medidas que darán comezo. Xa hai uns meses que o Concello de Verín ofrecía a posibilidade á veciñanza de participar no proxecto, outorgando compostadores domésticos para vivendas con xardín ou horta.

Pero, dende o goberno municipal preténdese implicar, tamén, a empresas e a grandes produtores de residuos, que recibirán asesoramento e medios para levar a cabo esta transición. Por iso, a presentación do novo plan de xestión de biorresiduos terá lugar o xoves, 22 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de actos da Casa da Cultura.