sábado. 27.04.2024

Evento

AXENDA | Concerto de "Blues do País" na II Festa da Primavera

30/4/23
Taberna Couto Mixto, Mandín, Verín.
blues do país
O dúo "galaico-mississipeño" Blues do País.

O domingo 30 celébrase a segunda edición da "Festa da primavera" en Mandín, organizada por Lola Pérez González na Taberna Couto Mixto. Este ano, o fin de festa correrá a cargo do dúo "galaico-mississipeño" Blues do País, que ofrecerá un concerto a partir das 23 horas.

A "Festa da primavera" naceu coma unha xornada festiva para darlle a benvida á tempada, como símbolo do florecemento e do renacemento logo do inverno. Un día para promover a comunidade ó redor da cultura, o lecer, a música e a gastronomía.

Dende as 12h. da mañá, as rúas de Mandín acollerán un mercadiño artesán e de produtos da terra. Permanecerá aberto todo o día, ata as 20 horas. A tarde estará dedicada á realización de obradoiros para crianzas e persoas adultas. O prato forte da xornada será o concerto do dúo Blues do País

Na parte gastronómica, ademais da cociña da Taberna Couto Mixto, durante toda a xornada permanecerá aberto o posto de polbo do "Pucho". Sen dúbida, algunha sorpresa gastronómica máis terá preparada a Lola. 

Blues do país versiona clásicos do Blues, do Soul e do Rhythm’n’Blues, adaptándoos á idiosincrasia e retranca galegas. Otis Redding no peirao da Coruña, Etta James mariscando en Cabo da Crus, B.B. King nun furancho en Redondela ou Eric Clapton lendo a Castelao. Música de calidade misturada con teatro, clown e improvisación.