O Concello de Vilardevós aprobou, por unanimidade, a nova ordenanza reguladora dos servizos vinculados á residencia e o centro de día da localidade, propiedade do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. No mesmo pleno, e tamén ratificado pola unanimidade dos membros da Corporación -o PP votou a favor enmendando así o acordo que os seus compañeiros, cando exercían o Goberno, adoptaran-, deuse conta da renegociación do convenio asinado polo anterior Executivo Popular co ente autonómico, e que estaba a supor unha auténtica lousa financieira para as arcas municipais.
Así, a rexedora municipal, Eva María Pérez Gamote, do PSdeG-PSOE, informou ao plenario do novo acordo alcanzado co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, polo que se reducirá o importe de corresponsabilidade municipal á metade, isto é, 48.000 euros menos.
Como explicou Pérez Gamote, o Concello de Vilardevós tiña que aportar, pola reserva de oito das 24 prazas da residencia para os veciños de Vilardevós, un total de 86.549 euros, “é dicir, máis de dez mil euros por residente natural de Vilardevós ao ano, co agravio comparativo de que co resto de municipios de Galicia o Consorcio, isto é, a Xunta de Galicia, non contribuía nada, ou o que é o mesmo, as prazas para os veciños de Vilardevós con dependencia recoñecida estaban sufragadas entre o residente e as arcas municipais”, explicou Pérez Gamote.
"Un gol, un engano ás veciñas de Vilardevós"
“Foi un gol, todo un engano ás veciñas e veciños de Vilardevós do anterior grupo de Goberno, que con informes de intervención en contrario permitiu que se asinase un convenio imposible de pagar. Tanto é así que a débeda que temos co Consorcio, de 292.000 euros, vén cáseque toda ela da anterior etapa cando era Manuel Cardoso o rexedor”, explicou Eva María Pérez.
Así, logo da xestión encabezada pola rexedora do PSdeG – PSOE, Eva María Pérez Gamote, o convenio asinado co Consorcio para a reserva das oito prazas para as veciñas e veciños de Vilardevós, quedará do seguinte xeito:
- Custe total das oito prazas: 146.321 euros
- Aportación dos usuarios desas oito prazas: 59.772 euros
- Aportación da Xunta de Galicia por libranza vinculada ao servizo: 48.000 euros
- Aportación municipal: 38.549 euros