martes. 23.04.2024
María Luz Pascual posa co seu primeiro libro, "Adolescente Utopía". | FOTO: Iván Iglesias.
María Luz Pascual posa co seu primeiro libro, "Adolescente Utopía". | FOTO: Iván Iglesias.

Dende Vilardevós, María Luz Pascual cumpriu un soño, despois de moitos esforzos, coa publicación de "Adolescente Utopía". O que comezou sendo unha forma desafogar os seus sentimentos na adolescencia, rematou dándolle forma a un libro de relatos cortos que se converteu no seu primeiro traballo publicado.

"Adolescente Utopía" xa está á venda baixo demanda en librarías e próximamente se poderá mercar a través de grandes plataformas dixitais. En Verín existe a opción de facerse cun exemplar na Librería Monterrei.

De que trata "Adolescente Utopía"?

É un libro feito por diferentes relatos cortos que escribín cando me sentía mal ou estaba aburrida, incluso falo neles dalgunhas experiencias persoais miñas. De todo iso xurdiron os relatos que forman “Adolescente Utopía”, onde mesturo cousas que eu vivín con outras que non teñen que ver conmigo.

Este é o seu primeiro libro. Que experiencias tivo antes co mundo da escritura?

Participei en varios concursos de escritura na miña época estudantil. Sempre tiven claro que o meu non era facer poesía, aínda que si fixen algún traballo para algún certame e nun fun finalista, pero non me gusta. Creo que a paixón por escribir relatos naceu cando participei nun concurso de Andalucía, animada por un profesor de Bacharelato, e fíxeno cun escrito no que falo do cancro. Naquela época unha amiga da miña nai tíñao e foi a miña inspiración. Todo o que escribín saiume de dentro e o meu profesor quedou abraiado. Para min, iso foi o principio.

Que pasou a partir de aí?

Seguín escribindo nunha libreta na que vertía todos os meus sentimentos en pequenos relatos. Moitos son de amor e de autoaxuda, pero tamén teño de misterio. Estas tres temáticas aparecen en “Adolescente Utopía”, pero a que máis importancia cobra é a autoaxuda porque trata dos sentimentos que foron aflorando nunha parte da miña xuventude e que poden ser os que teñan moitas outras persoas nesa idade. Sempre escribín sobre como me sentía e as palabras saían soas, aínda que todo quedaba apartado ata que me decidín a publicar os meus traballos nun libro grazas ó apoio dos meus pais e do meu irmán.

Foi complicado conseguir que se publicase?

Ao principio foron todo incertezas porque non sabía moi ben o que tiña que facer, tampouco vía claro o tema de publicalo ou non. A xente animoume a facelo e púxenme a buscar a mellor opción entre moitas editoriais. Naquel momento a miña situación económica non me permitía invertir moito diñeiro na súa publicación, parei a búsqueda e seguín escribindo. Cando atopei o meu traballo como integradora social en Portas Abertas, retomei a intención de publicar o libro. Atopeime de novo con Círculo Rojo, unha editorial coa que xa falara, e lanceime con eles. Estoulles moi agradecida porque sempre me axudaron en todo o que precisei.

Como se sinte agora tendo na súa man un exemplar?

Dentro do proceso, que durou entre 2 e 3 anos, estiven moi impaciente. Agora nótome súper contenta de que sexa unha realidade e xa me anima con máis cousas. Teño algunhas ideas, pero irei con calma.

ENTREVISTA | María Luz Pascual: "'Adolescente Utopía' recolle sentimentos que afloraron...