sábado. 27.04.2024
TAMARA BALBOA-5
Tamara Balboa é a candidata da plataforma cidadá Interior Galego Vivo á alcaldía de Vilardevós. | FOTO: Anabel G. Simón.

Falamos con Tamara Balboa García (Vilardecervos, 1986), traballadora social con premio extraordinario fin de carreira, especializada en Ciencias da Familia y en mediación social, coordinadora do CDR Portas Abertas e presidenta da Confederación de Centros de Desarrollo Rural de España. 

Leva toda a súa vida traballando na defensa do rural, sendo unha muller comprometida e activista destacada na bisbarra. Por que entra en política agora?

Son moitas as razóns, as demandas da xente que sempre me dixo que somos as persoas novas e que vivimos aquí as que temos que facer algo por cambiar o rumbo deste Concello. Porque hai moita política que facer para dentro, pero tamén para fóra; e somos as xentes do medio rural que temos os pés na terra as que temos que dar a batalla. Porque dende o meu traballo constato, de primeira man, as necesidades da xente; que un Concello que funcionase como debería podería axudar a solventar, sobre todo hai que facer moita política social. Porque vivín e vivo e quero seguir vivindo aquí toda a miña vida, porque considero que hai moito que facer e moito polo que traballar, porque me doe vivir nun dos Concellos máis empobrecidos de Galicia e que, pola contra, ten moitas potencialidades... podería seguir así e dar mil porques.

É a cabeza de lista en Vilardevós por Interior Galego Vivo, por que se decidiu a participar nista plataforma cidadá?

Porque é o que mellor me representa. Creo no pequeno, no cercano,e sobre todo creo no meu Concello e na miña xente. Os grandes partidos levaron a esta provincia durante décadas á situación na que está, de avellentamento, de despoboamento, fixéronse inversión millonarias en política rural que non serviron para nada, fomos e somos territorio de sacrificio. Antes, de Ourense enviamos man de obra barata para levantar outras zonas do país e, agora, pretenden que cos nosos recursos produzamos enerxía barata e nos sigamos empobrecendo. Polo tanto, non me sinto identificada coa política dos grandes partidos; os deputados e senadores do Partido Popular e do Partido Socialista poden facer moito máis en Madrid do que están facendo. Nunca lles escoitei falar nin da fiscalidade rural, nin da loita polas bonificacións na seguridade social para as nosas empresas, nin de outras moitas outras medidas necesarias e posibles.

Non me sinto identificada con esa política. Tendo a Xunta e a Deputación de man, o Concello de Vilardevós nesta lexislatura deixouse abandonado, e non se pode pretender vir no último mes a facer o que non se fixo en catro anos e empregar os cartos de todos/as con fins partidistas.

Vilardevós é un deses territorios que forman a chamada “España baleirada e esquecida”, que políticas son necesarias para reverter ista situación?  

Son moitas, dende a España Baleirada fíxose unha proposta de máis de 100 medidas fundamentais para o medio rural, hai que facer ou desfacer aquelo que se fixo e se desfixo en décadas. Hai que mellorar o sector primario, a conectividade, a produción de enerxía ten que reverter no territorio e non podemos permitir que o noso medio rural produza enerxía barata para o resto de Europa, hai que dotar ó medio rural de servizos fundamentais: sanitarios, sociais, educativos,...hai que vertebrar o país doutra maneira, non pode ser que eu dende A Gudiña poida coller tren para ir a Madrid, pero non para ir a Santiago.

Se o medio rural está cumprindo unhas funcións imprescindibles na sociedade, estas teñen que ser recoñecidas e deben ser recompensadas vía política pública: gardamos a paisaxe, o territorio, somos sumidoiros de carbono, producimos enerxía e alimentos, todo o imprescindible e fundamental para a vida.

Creo no pequeno, no cercano, e sobre todo creo no meu Concello e na miña xente

Entón, que propostas teñen para Vilardevós no programa de Interior Galego Vivo?

Son moitas, é un programa amplo para máis de 4 anos. O Concello ten que comprometerse na mellora das subministracións de auga das aldeas e no saneamento, o primeiro pobo que se quede sen auga será o primeiro pobo morto e a seca irá a máis. Hai que limpar o entorno, os camiños, pór a traballar o tractor- desbrozadora permanentemente, colaborar no cumprimento da lei de prevención de incendios, hai que actuar ante as edificacións ruinosas e perigosas que hai nas aldeas. Hai que renovar o alumeado público, facelo máis eficiente, e camiñar cara a soberanía enerxética, estes días está en trámite de audiencia o Real Decreto que regula as comunidades enerxéticas e eu creo que o Concello pode facer moito por impulsalas, é factible, hai pobos de máis de 400 habitantes que neste momentos xa son autosuficientes.

Hai que pedir moito e xestionar moito para sacar o Concello da situación na que está, recuperar a figura do axente de desenvolvemento local, unha figura que asesore, que apoie a quen queira emprender. Temos que facer un Concello atractivo para traballar e vivir, para atraer familias, neste momento soamente temos 30 alumnos/as no Concello e a sosteñibilidade demográfica está moi comprometida. Hai que apoiar as familias con nenos/as, renovar ou facer espazos infantís. Hai que pór en marcha medidas para a mobilización de vivenda, empezando polas 6 vivendas dos mestres que levan 3 anos rehabilitadas e cerradas.

Hai que apostar pola política das persoas, pola política social, pola mellora do servizo de axuda no fogar, pola posta en marcha de servizos de proximidade, pola humanización do entorno da residencia, polo impulso do centro de día. Temos que recuperar o patrimonio e poñelo en valor, temos rutas de sendeirismo, pontes, lagares, pinturas rupestres, petroglífos, minas, unha riqueza natural impresionante.... e non fixemos nada para promocionalo e atraer xente. E temos que recuperar o patrimonio inmaterial, as nosas festas, as nosas tradicións, o entroido que co esforzo da xente se recuperou, pero o Concello non apoiou. Hai que apostar por achegar a cultura ao medio rural, polo deporte, pola mellora da instalacións deportivas de Vilardevós. 

Pola renovación do mobiliario público e pola mellora na estradas e nas rúas do Concello, e pola mellora da seguridade viaria na OU-310. Así mesmo, continuaremos a loita pora que a OU-1006 chegue a Vilarello da Cota dunha vez e que deixemos de facer campañas electorais a consta desa obra que xa van unhas cantas. E infinidade de medidas máis que non caben nunha entrevista, pero orientadas a devolverlle ós veciños de Vilardevós o dereito a soñar, a ter un futuro sen saír do seu concello.

Por que pensa que existe unha desconexión tan grande co mundo rural e como pode solucionarse?

Creo que a desconexión vai a menos, o que non pode é asociarse o medio rural ao pasado; o medio rural, e neste caso Vilardevós é un Concello digno e ten que ser moderno para traballar e vivir. Eu nos últimos anos levo recorrido moito rural en España, falado con moita xente, e eu son muller, son nova e son rural. No medio rural hai moita vida e hai moita xente moi agobiada nas cidades, as cidades están xerando grandes bolsas de exclusión, a xente non gaña nin para pagar un aluguer. Hoxe podes vivir nun pobo e non necesariamente te tes que adicar ó sector primario e todo isto temos que polo en valor, pero para iso temos que manter uns servizos básicos de calidade, sanitarios, sociais, educativos, de transporte, de apoio ás familias, temos que perder o medo a alugar as vivendas e nesto o Concello ten moito que facer.

As persoas labregas, gandeiras e produtoras de castaña son fundamentais para o Concello de Vilardevós. Que medidas se poden levar a cabo para apoialas?

Claro que si que son fundamentais, hai que apostar polo sector primario, polo apoio a gandería extensiva, polo apicultura, pola promoción do produtos do Concello. E hai que apostar pola castaña, somos un dos principais Concellos produtores do Galicia, hai que informar, asesorar, as persoas produtoras, impulsar medidas que aposten pola transformación da castaña para que darlle maior valor engadido. Pódese ir máis alá e traballar pola compra de maquinaria compartida como xa se está facendo noutros sitios de Galicia, o que non pode é que o sector estea totalmente descoordinado e a xente totalmente sola para afrontar os retos de futuro. Temos que buscar alianzas para reclamar a incorporación dos soutos a PAC o que revertería moi positivamente nas persoas produtoras.

Hai que ter unha representante política con actitude reivindicativa e que lle diga á administración autonómica e estatal que moitas das medidas que poñen en marcha non teñen nin pés nin cabeza. Non pode ser que os gandeiros no verán teñan que andar como fuxitivos buscando auga para darlle os animais, haberá que facilitarlles puntos de carga de auga e porse do seu lado ante outras medidas absurdas. Estase fomentando un abandono prematuro da actividade agraria de autoconsumo, con medidas como a recentemente posta en marcha do galiñazo. Hai que apoiar á produción de mel, na loita contra a vespa asiática, na limpeza de camiños.

Hai que apoiar a xente nova que se queira incorporar ó sector con información, orientación e asesoramento, impulsar a creación de Polígonos Agrarios Agrupados. Traballar coas comunidades de montes para axudarlles a facer plans viables para os montes comunais. Pódese facer moito e no que ó Concello compete atrévome a dicir que está todo por facer.

Vilardevós sofre o grave problema do avellentamento da poboación e un dos compromisos de Interior Galego Vivo é a mellora da atención ás persoas maiores; como se concreta ese compromiso?

Hai que facer política para as persoas, creando unha rede de recursos que primeiro aposten por manter as persoas no seu fogar e cando non poida ser posible que polo menos garantamos que teñan unha praza residencia no Concello. Temos e debemos de tratar as persoas maiores doutra maneira, elas deben seguir sendo membros activos desta sociedade ata o final das súas vidas. Hai que mellorar a axuda no fogar, reclamar que se cubran todas as horas, prestarlle a xente todas as horas que ten concedidas, impulsar servicios complementarios como a comida no fogar, mellorar o transporte, traballar na loita contra a soidade non desexada. Nestes días sempre lles fago a mesma pregunta, onde vos gustaría rematar a vosa vida? E todos/as me din na miña casa, polo tanto hai que mellorar e diversificar os servicios de atención no fogar. Nunca Vilardevós terá prazas de residencia suficientes para todas as persoas maiores, polo tanto a residencia é un recurso máis, temos 867 persoas maiores de 65 anos, alguén cre que o principal recurso polo que hai que apostar é polo aumento de prazas residenciais con este dato?

Eu aposto por manter a xente na súa casa, mentres se poida e con calidade, é o que Europa nos está esixindo a España, temos máis dun millón e medio de persoas en institucións e hai que cambiar de rumbo a política, no futuro debe ir cara outro camiño. Temos que xerar emprego neste sector, emprego de calidade que asente poboación no Concello e botar man das novas tecnoloxías e da dixitalización para complementar as atencións.

Temos medidas orientadas a devolverlle ós veciños de Vilardevós o dereito a soñar, a ter un futuro sen saír do seu concello

En Vilardevós, as tres candidaturas están encabezadas por mulleres, pensa que é un feito salientable?

Eu confío en primeiro lugar na valía das persoas e quero pensar que se somos as tres candidatas é por que as tres nos diferentes partidos consideraron que éramos as que mellor poderíamos loitar polo futuro do Concello; e tamén quero pensar que isto non sexa unha resposta do Partido Popular e do Partido Socialista ante o feito de que eu dera o primeiro paso e fose a primeira en anunciar a miña candidatura, ata ese momento todo apuntaba a que os cabeza de lista de ambas as agrupacións ían ser homes.

En referencia á última pregunta nos estamos aquí para ganar e gobernar por nós, falar máis alá do 28 de maio é falar da incerteza, eu falar falarei con todo o mundo xa que incluso prantexei un debate público tanto ó Partido Popular e ó Partido Socialista, para levantar este concello é preciso falar con todo o mundo.

ENTREVISTA | Tamara Balboa: "Somos as xentes do medio rural que temos os pés na terra...