lunes. 29.04.2024
Eva María Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós.
Eva María Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós. | FOTO: Noelia Caseiro.

Veñen de cumprirse os 100 primeiros días dende aquel 28 de maio de 2023 no que o Partido Popular de Vilardevós perdía as eleccións. Dende entón, Eva María Pérez Gamote exerce coma alcaldesa nun goberno bipartito do PSdeG - PSOE con Interior Galego Vivo que repartirá a alcaldía bianualmente entre ambos.

Como viviu aquela noite unha candidata chegada a última hora para encabezar a lista dos socialistas?

Con alegría porque o Partido Popular perdera a maioría e cumpríase o obxectivo. Tamén, con serenidade, sabendo que se nos presentaba un escenario diferente e, ao mesmo tempo, con ilusión para poder poñer en marcha as bases dun proxecto para Vilardevós.

Confiou dende o primeiro momento en chegar ao goberno do Concello?

Cando un se presenta a unhas eleccións sempre é para saír a gañar. No meu caso era difícil polo pouco tempo co que contabamos polo cambio do candidato a última hora; aínda así, confiaba no equipo que decidiu dar o mesmo paso ca min presentándose nesta candidatura.

Chego á política para facer convivencia entre os veciñxs, que somos todxs, respectando as ideas e crenzas de cada persoa, como non podía ser de ningunha outra maneira

En quen pensou instantes despois de recibir o bastón de mando?

Na miña familia, que me apoiou na decisión que tomei con sorpresa para todxs, e en todo o equipo que me acompañou e me arroupou en toda a campaña electoral; ademáis das 488 personas que confiaron en todos nós.


Vostede foi unha das vítimas daquela "purga" iniciada polo anterior rexedor cando chegou ao poder e que tivo as súas sentenzas condenatorias nos xulgados. Cre no karma?

Non sei se é o karma, pero esa época quedou atrás; a pesar de que foron momentos difíciles para os meus compañeiros e para min, saímos reforzados dunha situación difícil. Chego á política cunha mirada hacia adiante, hacia o futuro, e, como xa dixen nalgunha entrevista, para facer convivencia entre os veciñxs, que somos todxs, respectando as ideas e crenzas de cada persoa, como non podía ser de ningunha outra maneira.

É inviable que un Concello funcione, nestes intres, contando só cunha secretaria un día á semana e a auxiliar administrativa

Como foron estes primeiros 100 días de "bipartito" municipal?

Con moito traballo administrativo, burocrático e organizativo no que é a Casa Consistorial que non se ve de cara a fóra. Traballando todo o equipo de Goberno na mesma liña.

Había facturas sen pagar, sorprendendo a cantidade de facturas do mes maio; casualmente coincidindo coas eleccións

Non cre que, para os intereses da súa formación, tería sido mellor reservarse os últimos meses de mandato?

Entendo que o importante era facer un cambio e sendo partícipes do mesmo doume por satisfeita.

Visita Emilio González Afonso a Vilardevós 202308 (10)
Tamara Balboa e Eva Pérez Gamote reunidas co subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.

Califique, segundo o que leva atopado no Concello, a xestión popular dos últimos catro anos?

Díxeno nalgunha ocasión, había un abandono da institución; a proba está en que, dentro da Casa do Concello, somentes contabamos cunha auxiliar administrativa para todas as tarefas burocráticas. É inviable que un Concello funcione, nestes intres, contando só cunha secretaria un día á semana e a auxiliar administrativa. Ademáis de non haber un inventario do material, non hai un arquivo elaborado para atopar os expedientes, ordenanzas, documentación, etc. Unha desorganización absoluta. É como empezar de cero.

O problema maior é non ter uns presupostos aprobados, os cales están prorrogados

Como está a institución economicamente?

Nestes momentos, despois da recadación dos impostos, o problema urxente non é tanto de tesourería en si mesma. Atopámonos cun Concello donde había facturas sen pagar dende o ano 2022 e deste ano. Atopábanse en carpetas clasificadas por meses, sorprendendo a cantidade de facturas do mes maio; casualmente coincidindo coas eleccións. Superando os gastos aos ingresos. O problema maior é non ter uns presupostos aprobados, os cales están prorrogados e ese é o maior problema.

Entre as próximas iniciativas está a de dotar de maior persoal ao Concello de Vilardevós cubrindo todas as vacantes "históricas"?

No noso programa, o punto número un era dotar ao Concello do persoal necesario. Nesas estamos, actualmente cun proceso de selección da plaza de administrativo; en canto remate este proceso, seguirase ca plaza de auxiliar administrativo. O seguinte será sacar as convocatorias para o persoal de servicios múltiples, chófer tractorista, ademais de facer a solicitude nos concursos públicos da praza de Secretaría - Intervención, que é a figura imprescindible para o funcionamento dun Concello. Con ese persoal, o Concello poderá arrancar para poder elaborar os proxectos que temos no noso programa.

A residencia de maiores supuxo un esforzo económico aos veciños, tendo que comprar e doar o terreo a cambio de 8 prazas en reserva para todos. Unha xestión nefasta e un engano

Que proxectos máis inminentes están enriba da mesa da rexedora?

Xa se solicitou cita para ir a falar co novo presidente da Deputación e pedir que se siga co arranxo da estrada OU-1006 que vai ata Vilarello da Cota, así como o arranxo da ponte do río Barxa e as beirarrúas; tamén o mobiliario para o parque infantil de Vilardevós. Estamos ca memoria para as próximas subvencións do IDAE para o cambio da luz pública, o cal supón un gasto enorme nestas arcas.

Aínda estamos analizando certas subvencións que xa se gastaron sen tan sequera saber, oficialmente, que se van a conceder

Unha das eivas financeiras deste municipio é a aportación anual á residencia de maiores. Que medidas pensa adoptar o seu Goberno?

Estamos pendentes dunha reunión co Consorcio Galego de Benestar, a cal xa solicitamos en canto vimos que sacaban a licitación da mesma. Esta residencia supón un gasto enorme nas arcas do noso Concello. Foi unha mala xestión e negociación polo anterior grupo de Goberno xa que lles supuxo un esforzo económico aos veciños do pobo de Vilardevós tendo que comprar e doar o terreo a cambio de 8 prazas en reserva, que son para todos os veciños de todo o Concello. Unha xestión nefasta e un engano.



Hai decisións, acordos ou actuacións do anterior Executivo susceptibles de investigación máis alá das portas do Concello?

A este Concello vaille custar tempo arrancar debido á mala xestión que se fixo nos últimos anos. Aínda estamos analizando certas subvencións que xa se gastaron sen tan sequera saber, oficialmente, que se van a conceder; como é o caso da subvención que lle dá o GDR Monteval aos concellos. Gastouse todo o importe no solo do parque infantil de Vilardevós, non cambiando o mobiliario e atopándonos un parque que está inservible. Tamén, as actuacións levadas a cabo polo Obradoiro da Mancomunidade, tendo dúas actuacións no noso Concello e só facéndose unha por unha decisión de carácter político.

ENTREVISTA | Eva Pérez Gamote: "A este Concello vaille custar arrancar debido á mala...