domingo. 19.07.2026
Os populares esixen ao novo goberno local que licite un servizo que estivo en declive durante o seu mandato

A urxencia tardía do PP vianés pola licitación do Servizo de Axuda no Fogar | NOTICIAS VIANA

Andrés Montesinos, foto PP Ourense
Andrés Montesinos durante o pleno da moción de censura que o derrocou como alcalde de Viana do Bolo. | FOTO: PP de Ourense.

O Partido Popular de Viana do Bolo criticou a "incoherencia" e "inacción" do novo goberno municipal, liderado polo PSOE, por non ter avanzado na necesaria licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Os populares lamentan que no primeiro pleno convocado polo novo executivo local, "non incluíran na orde do día a tan necesaria licitación do SAF e da súa ordenanza polo ben dos nosos maiores e das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar".

A crítica do PP chega apenas unhas semanas despois de que deixasen o goberno local, tras un mandato no que, segundo diversas voces veciñais e políticas, o Servizo de Axuda no Fogar experimentou un longo período de declive e falta de xestión. Este novo e repentino interese pola licitación do servizo contrasta coa inacción dos últimos anos, un feito que non pasa desapercibido entre a veciñanza.

Os populares de Viana lembran que, cando estaban na oposición, os socialistas "dicían ter a fórmula maxistral" para solucionar os problemas do concello e acúsanlles agora de actuar de xeito oposto aos seus principios.

E non esquecen as acusacións de "incompetencia e indiferenza" que PSOE e BNG lle fixeron ao goberno de Andrés Montesinos. "Pero Viana non olvida", advirten desde o Partido Popular, "e como dixemos o outro día, estamos seguros que os ollos hoxe apagados en dous anos volverán a brillar e as voces agora afogadas volverán con más forza que nunca".

A urxencia tardía do PP vianés pola licitación do Servizo de Axuda no Fogar | NOTICIAS...