domingo. 19.07.2026
A pesar da aprobación plenaria e fondos dispoñibles, a licitación do SAF segue no limbo

NOTICIAS VIANA | Montesinos xoga co benestar da veciñanza e ignora o clamor do Servizo de Axuda no Fogar

20250428 SAF Viana do Bolo, traballadoras en loita
Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar concentráronse diante do Concello de Viana do Bolo para denunciar a precariedade do servizo.

Case dous meses despois da aprobación unánime en pleno da licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha prestación vital para moitas veciñas e veciños de Viana do Bolo, o goberno municipal liderado por Andrés Montesinos (PP) non move ficha. Esta paralización, que mantén en vilo a traballadoras e usuarios do SAF, desata unha onda de indignación e pon en cuestión a vontade real do executivo local para solucionar os problemas que arrastra este servizo dende o ano pasado.

 

O Bloque Nacionalista Galego, impulsor da proposta aprobada o 20 de marzo, non dubida en sinalar directamente a Andrés Montesinos como o principal responsable desta inacción. A formación nacionalista lembra que, ademais do mandato plenario, un informe da secretaría intervención a principios de abril revelou a existencia de máis de 225.000 euros dispoñibles, fondos adicionais que poderían destinarse a mellorar as condicións económicas do SAF. Ante esta evidencia, o argumento esgrimido polo alcalde popular de Viana do Bolo sobre a falta de orzamento queda completamente desmantelado. "Se non se saca a licitación é por falla de vontade política do señor Montesinos e o PP", denuncia contundentemente o BNG.

 

Traballadoras en loita

A desesperación e a indignación das traballadoras do SAF, que levan meses denunciando a precariedade das súas condicións, traduciuse en concentracións de protesta que contan co apoio explícito do BNG. Resulta especialmente "cínico e demagóxico", segundo o BNG, a presenza de representantes do goberno de Montesinos nestas mesmas mobilizacións, intentando ofrecer unha imaxe de apoio cando son eles os directos culpables do bloqueo da situación.

 

Dende o BNG, a esixencia é clara e rotunda: "Instamos unha vez máis ao señor Montesinos e ao goberno do PP a que comecen a dar os pasos necesarios para sacar a licitación deste servizo esencial". Non só está en xogo o benestar das persoas usuarias, senón tamén a dignidade laboral dunhas traballadoras que merecen condicións económicas e seguridade laboral adecuadas. "Déixese de manipulacións, señor Montesinos, e póñase a traballar para solucionar este grave problema", urxe o BNG, reiterando o seu compromiso de seguir loitando polos intereses da veciñanza de Viana a pesar dos obstáculos que impón o goberno municipal.

NOTICIAS VIANA | Montesinos xoga co benestar da veciñanza e ignora o clamor do Servizo...