Xoves. 30.06.2022
Os participantes poderán anotarse no CIM ou por correo até o 30 de xuño

NOTICIAS VIANA | O concurso 'Viana, ponte guapa' abre o seu período de inscrición

Concurso. Decoración rúa. Viana. Ponte guapa (1)
Detalle do cartel promocional do concurso.

O Concello de Viana do Bolo lanzou unha iniciativa "para realzar o encanto dos balcóns e xanelas da vivendas e edificios durante xullo e agosto". A proposta leva por nome Viana, ponte guapa, e materializarase nun concurso para que a veciñanza mellore a decoración e ornamentación das fachadas entre o 1 de xullo e o 1 de agosto deste ano.

No concurso poderán participar persoas, maiores de idade, propietarias ou arrendatarias de inmobles situados nas rúas da vila de Viana do Bolo, segundo informan as bases da iniciativa, asinadas polo alcalde, Andrés Montesinos, o pasado 23 de maio.

O prazo de inscrición abriuse este pasado mércores, día 1, e permanecerá aberto até o próximo 30 de xuño. A veciñanza interesada pode dirixirse á Oficina do CIM ou facer a súa inscrición por correo electrónico, ao enderezo [email protected] (o formulario pódese descargar aquí

"Os elementos decorativos para engalanar os balcóns e xanelas deixaranse á libre elección das persoas participantes, sempre en canto cumpran as normas básicas de convivencia e respecto. Poderán usarse flores, ornamentos tradicionais, tecidos, iluminación non perigosa, etc.", indican as bases do concurso.

Prohíbense expresamente a iluminación con velas, fachos ou calquera tipo de elementos pirotécnicos, así como a exhibición de bandeiras, simboloxías ou mensaxes nos balcóns e xanelas que participen no concurso.

Tamén se pide ancorar ben os elementos utilizados á estrutura do balcón ou xanela, e que no caso de que se produza algún tipo de defecto do material que forma parte da decoración durante o período de exposición, deberá ser substituído ou retirado, “sendo responsabilidade do/a particular que montou a decoración”

En canto aos premios, outorgaranse tres premios de 200, 100 e 50 euros mediante bonos de comercio. “Os bonos deberanse intercambiar integramente nun establecemento comercial de Viana antes do 4 de novembro”, segundo se estipula nas bases.

NOTICIAS VIANA | O concurso 'Viana, ponte guapa' abre o seu período de inscrición
comentarios