viernes. 24.05.2024
Presentación dos entroidos de Vilariño, Manzaneda e Viana, esta mañá na Casa do Concello de Vilariño.
Presentación dos entroidos de Vilariño, Manzaneda e Viana, esta mañá na Casa do Concello de Vilariño.

Os concellos de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda presentaron esta maña, de xeito oficial, os seus Entroidos tradicionais. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou neste acto xunto cos alcaldes de Viana, Andrés Montesinos; de Vilariño, Melisa Macía; e de Manzaneda, Amable Fernández.

Castro destacou a importancia que ten o entroido en toda Galicia, xa que sete destes eventos teñen a cualificación oficial como "Festa de Interese Turístico", entre os que se atopan os de Viana, Vilariño e Manzaneda. O primeiro comezou a súa programación de actividades o pasado sábado e este xoves retomarase para festexar ós compadres, no caso do segundo, o entroido arrincará o 9 de febreiro, ao igual que en Manzaneda.

 

Os días máis importantes destes tres entroidos serán o 18 en Vilariño, coa celebración da 34ª edición da Festa do Cabrito para a que xa se poden mercar as entradas ata o día 12. No caso de Viana, a data destacable é o Domingo Gordo, 19 de febreiro, no que haberá pola mañá desfile de boteiros, fulións e carrozas como paso previo á 51ª Festa da Androlla. Por último, en Manzaneda destaca o Martes de Entroido, o 21 de febreiro, co desfile de fulións e un posterior xantar tradicional. Con estas datas, non se solapan, e os asistentes poderán desfrutar do seu "triángulo máxico".

A directora de Turismo de Galicia destacou na presentación aos entroidos como unha das maiores riquezas do patrimonio etnográfico e cultural galego, o que ademais permite amosar outros aspectos do territorio e desestacionalizar a chegada de turistas ao longo do ano.

ENTROIDO 2023 | Viana, Vilariño e Manzaneda presentan os seus Entroidos tradicionais