viernes. 26.04.2024
Entroido de Viana no 2022.
Entroido de Viana no 2022.

O Concello de Viana do Bolo deu a coñecer este mércores a programación completa do seu Entroido, que recupera unha completa normalidade trala pandemia. As actividades comezarán este sábado e alargaranse ata o 22 de febreiro, mércores de cinza, e cunha maior concentración de actividades na semana do entroido.

Este sábado, a festa estrearase en Viana cun fulión feminino e será a primeira cita importante. O 9 de febreiro celebrarase o Xoves de Compadres que comezará ás 00:00 horas coa colga do lardeiro. Nesta xornada, os rapaces do CEIP Bibei visitarán as residencias de maiores, mentres que pola tarde/noite haberá fariña, disfraces e fulións polas rúas. A noite, as ceas de compadres estarán amenizadas pola charanga Alegría.

O sábado 11 a festa seguirá con ronda, brindes e disputa ás 11:00 horas en Mourisca e ás 17:00 en San Cibrao. O seguinte gran cita será o Xoves de Comadres o 11 de febreiro, que arrancará ás 00:00 horas coa colga da lardeira. Os nenos do CEIP Bibei volverán ser protagonistas nesta xornada cun desfile ás 12:00 horas. Na tarde/noite repetiranse a fariña, disfraces e fulión, antes da cea de comadres que estará amenizada por Tómalle Outra. A xornada rematará cunha discomóbil.

O Sábado de Entroido, 18 de febreiro, repetirase a ronda, brindes e disputa, esta vez ás 11:00 horas en Rubiais e ás 17:00 horas en Solbeira. O 19 de febreiro, Domingo Gordo, empezará ás 11:00 horas co desfile de fulións, boteiros e carrozas ata a Praza Maior. Isto será antes da celebración da 51ª Festa da Androlla, que volve ó Pavillón Municipal, cun menú de consomé, androlla, chourizo, lacón, grelos, patacas e cordeiro completado con bica, café, queimada e chupitos. O día rematará coa baixada dos fulións á praza coa charanga TNT.

 

O luns 20 de febreiro festexarase o Entroido Infantil cun fulión de nenos ás 16:00 horas. Ademais, haberá un photocall e un roteiro de xogos cooperativos na Praza Maior, xunto cunha chocolatada, animación e baile familiar con DJ. Por último, ás 20:00 horas terá lugar o Fulión Trapalleiro.

No Martes de Entroido, o 21 de febreiro, levarase a cabo o desfile de fulións e carrozas ata o Cabo da Vila ás 12:00 horas. Esta xornada haberá música en sesión vermú e pola tarde, unha fariñada e fulións. Tamén se darán a coñecer os nomes dos gañadores do concurso de disfraces e haberá unha discomóbil. Ás 00:00 horas queimaranse os lardeiros. O Mércores de Cinsa, o entrerro da sardiña farase na tarde/noite e tamén haberá sardiñada popular e torrexas no Cabo da Vila.

Programación Entroido de Viana.
Programación Entroido de Viana.

ENTROIDO 2023 | Viana presenta a programa do seu Entroido, que comeza este sábado