A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou as zonas afectadas polas riadas no sur da provincia de Ourense e denunciou que o que aconteceu en Viana do Bolo é "un aviso do que pode pasar" cando non se fan correctamente os labores de prevención post-incendio.
Pontón cualificou de "moi impactante" o panorama que comprobou sobre o terreo, especialmente no concello de Viana do Bolo, e reclamou actuacións coordinadas entre administracións para que a veciñanza poida recuperar a normalidade canto antes, xa que, segundo sinalou, "nalgúns puntos as actuacións van moito máis alá do que pode facer a institución municipal".
A líder nacionalista recoñeceu que as actuacións "van un pouco tarde", pero insistiu en que "máis vale tarde que nunca" e esixiu que se activen de forma inmediata as medidas necesarias, incluídas axudas directas para que as persoas afectadas poidan recuperar os seus bens e "non queden abandonadas".
Pontón centrou boa parte da súa valoración na responsabilidade da Xunta na xestión posterior aos incendios forestais. Segundo denunciou, o goberno autonómico non realizou correctamente os labores de contención nin de retirada de madeira, o que a seu xuízo provocou que as consecuencias dos lumes "non acaban unha vez que se apaga o lume, senón que seguen aí e, neste caso, dunha maneira dramática".
A portavoz do BNG comparou a situación de Viana coa que xa viviu o concello da Rúa en episodios anteriores, onde segundo afirmou "xa levan varios episodios deste tipo sen que a Xunta tivera unha actuación dilixente".
Pontón reclamou á Xunta que "se abandone a propaganda" e que se preste atención real tanto aos veciños e veciñas como aos concellos afectados.
