sábado 11.07.2020
Javier Castrillo tivo que pór en coñecemento do xuíz de garda a negativa de Ourense de enviar un pediatra e a situación que se estaba a vivir no hospital

Parto de urxencia esta madrugada en Verín

Javier Castrillo, xinecólogo de garda, impediu o traslado da muller ó comprobar que existía risco de producirse o parto na ambulancia. O recén nacido foi trasladado de inmediato ó hospital de Ourense.

Sala de dilatación do Hospital de Verín.
Sala de dilatación do Hospital de Verín.

Esta madrugada fixéronse realidade os cánticos que nestes días berra a veciñanza en contra do peche do paridoiro de Verín: "O meu meniño non nace no camiño". Alomenos así o debeu sentir a muller que chegaba ó Hospital de Verín pola noite cun parto xa moi avanzado e a término.

Tal era o avanzado do parto que Javier Castrillo, xinecólogo de garda, decidiu non cumpliar os novos protocolos existentes dende o peche do paridoiro de Verín polos cales tódalas mulleres teñen que ser trasladadas a Ourense para dar a luz na capital provincial.

Deste xeito, Javier Castrillo, como médico especializado, impediu o traslado da muller tras valorar que era o mellor para ela por mor do alto risco que existía de producirse o parto na ambulancia de camiño a Ourense. 

Finalmente o parto producíase no Hospital de Verín ás 5:55 horas da mañá. A pesar de nacer sen ningunha complicación e estar en perfectas condicións, o recén nacido foi trasladado de inmediato ó Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cumplindo as ordes impostas dende o peche do pariodoiro e das urxencias pediátricas. 

Auxilio xudicial

Os protocolos de actuación esixen a presencia dun pediatra para atender ó menor, motivo polo que dende o Hospital de Verín solicitouse que viñera dende Ourense ó non habelo na vila. É curioso que existira un tira e afloxa entre os hospitais de Verín e Ourense por mor da viaxe do pediatra, xa que, nun principio, dende Ourense negábanse a mandar ó pediatra xa que pensaban que había que trasladar á nai para que dera a luz no CHUO.

Ante a negativa de mandar un pediatra dende Ourense, Javier Castrillo tivo que pór en coñecemento do xuíz a situación que se estaba a vivir no Hospital de Verín para deixar constancia do que estaba a acontecer. O xuíz de garda estableceu que o primordial era "velar pola maior seguridade posible da nai e do neno", decisión que recaeu en mans do xinecólogo por ser o médico especialista con capacidade para valorar as medidas necesarias para o benestar de nai e fillo.

A decisión de Javier Castrillo nesta situación delicada foi o non traslado da nai por mor do avanzado do parto, co obxectivo de evitar que dera a luz na ambulancia de camiño a Ourense e ofrecerlle a maior protección. "A nai non estaba en condicións de trasladarse, e así o establecen os tratados médicos nos que se establece que non se debe trasladar á nai cando se prevé que pode haber un parto inmediato". A nai será trasladada ó longo da mañá ó CHUO para que poda estar co seu fillo.

Parto de urxencia esta madrugada en Verín
comentarios