sábado. 27.06.2026
Achegouse este venres ata a vila, onde as tendas abrirán ata as 23:00 horas

Gabriel Alén apoia o comercio local coa campaña Comercio Compensa e a Noite de compras | NOTICIAS VERÍN

O director xeral de Comercio, Gabriel Alén, no posto da campaña Comercio Compensa.
O director xeral de Comercio, Gabriel Alén, no posto da campaña Comercio Compensa.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou en Verín o posto informativo instalado pola Xunta de Galicia no marco da campaña autonómica Comercio Compensa. Esta iniciativa institucional busca fomentar as compras nos establecementos de proximidade, apelando directamente a un consumo máis responsable, sostible e respectuoso coa contorna. A previsión do goberno autonómico é desprazar esta campaña a un total de 60 localidades galegas entre este ano e o que vén.

No marco dos obxectivos que persegue o proxecto Compensa, o Goberno galego insta á cidadanía a apostar polo comercio local e polos produtos de proximidade, a consumir de forma máis consciente e a alongar a vida útil dos artigos adquiridos. Así mesmo, a campaña promove a redución de envases innecesarios e o emprego de bolsas reutilizables. Nese sentido, todas as persoas que se acheguen ao punto informativo cun ticket de compra procedente de calquera establecemento comercial do concello reciben como obsequio unha bolsa de tea coa imaxe corporativa da campaña.

Esther Pato, presidenta de AEVER, á  dereita na imaxe, acompañou ao director xeral por varias tendas da vila.
Esther Pato, presidenta de AEVER, á dereita na imaxe, acompañou ao director xeral por varias tendas da vila.

Posteriormente, o director xeral aproveitou a súa visita á localidade para asistir á Noite de compras, unha iniciativa organizada polo Centro Comercial Aberto de Verín que conta co apoio económico e institucional da Xunta de Galicia. Esta actividade dinamizadora está concibida especificamente para impulsar o consumo de proximidade nun ambiente festivo para veciños e visitantes.

Gabriel Alén apoia o comercio local coa campaña Comercio Compensa e a Noite de compras...