
A loita contra os lumes non cesa e o avance das lapas segue a estragar os montes do sur da comarca. Os incendios rexistrados entre o domingo e o luns nos concellos de Oímbra e Verín xa calcinaron 2.800 hectáreas de monte, segundo a última actualización dos datos de Medio Rural.
O máis grande destes lumes é o que cruzou de Portugal na tarde do luns cara Rabal, en Oímbra, e Mandín, en Verín. Neste incendio calcúlase que 1.800 hectáreas arderon en case tres días. O seu avance xa afecta a terreos do concello de Vilardevós, en zonas como Vilarello de Cota ou Vilar de Cervos. A intervención da Brif de Laza solicitouse onte para este lume e colaborou na tarde e parte desta noite nas tarefas de extinción.
Y el otro equipo de #Brif Laza trabajando en incendio de Vilarello De Cota. #IFSanCibraoOímbra #IFRabalOímbra #IFVideferreOímbra
— Diario de un Bombero (@BrifLaza) July 20, 2022
Con tendido de manguera ayudados por Brigada de Moscoso y Porriño (Distrito XVIII) medios de @Xunta pic.twitter.com/IkFiS1SX8o
Este lume chegou a activar en dúas ocasións a situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ás vivendas en Mandín e en Feces de Cima, o que provocou moitos momentos de tensión entre os veciños.
Por outro lado, Medio Rural confirmou onte a estabilización dos incendios de Videferre e San Cibrao, ambos en Oímbra e orixinados por un lume portugués que cruzou a fronteira. No primeiro, a superficie afectada xa se estima nunhas 600 hectáreas e no segundo, unhas 400.
En San Cibrao foi especialmente dura a noite do luns, cun avance imparable das lapas que provocaron a activación do nivel 2 de emerxencia pola proximidade ós núcleos de poboación despois de que un lume portugués arrastrase as chamas cara Oímbra.
Fóra da comarca, o incendio de Vilariño de Conso non cesa no seu avance. No lume que afecta á parroquia de Pradoalbar xa arderon 5.200, das cales unha boa parte afectarían directamente ao Parque Natural do Invernadeiro, onde empezou.