jueves. 18.04.2024
WhatsApp Image 2023-01-06 at 15.53.50 (2)
Concentración da veciñanza en Verín para reivindicar máis pediatras na comarca o pasado 6 de xaneiro. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Non hai nin dúas semanas que a veciñanza de Verín retomaba as mobilizacións para loitar en prol dunha Sanidade Pública de calidade na nosa comarca. Unha vez máis, a sociedade verinesa únese para ser o motor da reivindicación e coller forza ante a deficiencia dos servizos sanitarios que está a padecer toda a poboación por mor da mala xestión que se fai dende o goberno popular da Xunta de Galicia no que á sanidade atinxe. Desta vez, e xa son moitas, pola falta de pediatras.

Vén sendo repetitivo o feito de quedar sen atención médica infantil na área sanitaria de Verín. Un único especialista en pediatría no ambulatorio verinés que debe atender ós 2.000 menores que temos na comarca, co coseguinte retraso na atención, a saturación do servizo e o desgaste e esgotamento que esto supón para o médico. Tamén vén sendo habitual que non se cubran as necesarias e xustas vacacións do pediatra, quedando o servizo sen atención profesional.

Nais, pais e toda a veciñanza da comarca protestan ante a mala xestión dun servizo máis que necesario. A falta de pediatras obriga ós proxenitores a acudir ás urxencias hospitalarias, co risco de colapso do servizo, cando non a ter que se desplazar ata Ourense co consabido retraso que supón percorrer unha hora de camiño. Agora, o Bloque Nacionalista Galego únese á protesta pedindo explicacións ó goberno da Xunta de Galicia no Parlamento galego.

WhatsApp Image 2023-01-06 at 15.53.50
Concentración na Praza do Concello de Verín para reivindicar unha atención sanitaria de calidade o pasado 6 de xaneiro. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O BNG pón en marcha todas as accións posibles ante o Parlamento de Galicia para esixir unha resposta do goberno galego, así como accións concretas, ante a situación deficitaria do servizo de pediatría na comarca. Diste xeito, o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista presentou sendas proposicións non de lei para o seu debate no Pleno do Parlamento e na Comisión de Sanidade do mesmo. Unha iniciativa parlamentaria coa que expresa a súa posición e insta ó goberno a realizar as oportunas actuacións para a mellora da atención pediátrica na comarca de Monterrei.

En concreto, o BNG expresa que "O Parlamento galego insta á Xunta de Galiza a tomar as medidas necesarias de contratación de reforzos de persoal estables de forma que se dote dun servizo de calidade, próximo e continuado de pediatría na comarca de Monterrei, evitando os sucesivos desprazamentos a Ourense e garantindo a atención e seguimento da saúde da poboación infantil. Estas medidas serán negociadas co persoal e contarán cunha reserva orzamentaria"

WhatsApp Image 2023-01-06 at 15.53.49 (1)
Recollida de sinaturas, o día de Reis, durante a mobilización pola falta de pediatras. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Daquelas poiras, istas lamas. Vanse cumprir tres anos das históricas mobilizacións do "Verín non se pecha" que uniron a toda a sociedade verinesa para loitar por manter o paridoiro no Hospital de Verín ante unha xerencia da Área Sanitaria que ocupan as mesmas persoas. Hoxe, novamente, nais, pais, profesionais e veciñanza da comarca están a saír á rúa e se mobilizan recollendo sinaturas pola falta de persoal continuada do centro de saúde de Verín e pola desatención na comarca.

Por todos istes motivos, o Grupo Parlamentar do BNG tamén rexistrou diversas preguntas ante a Mesa do Parlamento, instando ó goberno popular da Xunta de Galicia a respondelas oralmente e por escrito, así como na sesión do Pleno do Parlamento. As deputadas Noa Presas Bergantiños, Iria Carreira Pazos e Montserrat Prado Cores, pregúntanse se o goberno da Xunta coñece as demandas dos pais, nais e veciñanza de Monterrei e Verín, instando a responder sobre "Que actuacións vai levar a cabo o goberno galego para garantir unha adecuada atención ao servizo de pediatría na comarca de Monterrei?".

Non sen certa retranca, dende o BNG tamén se preguntan se "Non sabe o goberno galego que as e os profesionais collen vacacións" e, do mesmo xeito, "Non prevé os correspondentes reforzos?". Ademais, o feito de que proxenitores de toda a bisbarra teñan que se desplazar ata Ourense para que atendan ós seus fillos e fillas, é motivo de preocupación para o BNG, polo que requiren ó goberno galego a dar resposta e explicar "como vai poñer solución ás carencias da pediatría". Preguntándose se "considera o goberno galego que é un impulso ao rural que pais e nais teñan que facer ata dúas horas en coche para que se atenda unha afección respiratoria propia dos ciclos estacionais".

NOTICIAS VERÍN | O BNG insta ó goberno popular da Xunta de Galicia a tomar medidas ante...