viernes. 26.04.2024
Conferencia inaugural das xornadas en Monterrei. | FOTO: M. D.
Conferencia inaugural das xornadas en Monterrei. | FOTO: M. D.

Trala súa presentación arredor das 10:00h da man do alcalde de Monterrei, José Luís Súarez, daban comezo as primeiras Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia das terras de Monterrei. Acompañado pola alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino; o alcalde de Cualedro como representante da Mancomunidade, Luciano Cuquejo, e a decana de historia da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; deu paso ao primeiro protagonista ante a atenta mirada dunha quincena de asistentes.

Todos coincidiron na necesidade de seguir fortalecendo os lazos de colaboración entre entidades co fin de seguir investigando e poñendo en valor o territorio, empregando o Patrimonio Cultural como ferramenta de desenvolvemento local.

José Luís Suárez, Ana Villarino, Susana Reboreda, Luciano Cuquejo e Antonio R. Colmenero.José Luís Suárez, Ana Villarino, Susana Reboreda, Luciano Cuquejo e Antonio R. Colmenero. | FOTO: M. D.

O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e veciño de Lucenza, Antonio Rodríguez Colmenero, recibiu unha mención de honra pola súa ampla traxectoria arqueolóxica. Este investigador, docente e académico tamén é autor de varios libros e de máis dun cento de artigos relacionados con estas disciplinas. Foi o encargado de conducir a conferencia inaugural das xornadas. Tras isto, recibiu da man das autoridades presentes, un representación alegórica da Serra do Larouco fabricada polo artesán de Allariz, José Manuel Vázquez Osorio, quen formou parte do seu grupo de investigación.

Seguidamente, tras unha pequena pausa, tivo lugar a presentación da obra gañadora da segunda edición do premio de investigación histórica Xesús Taboada Chivite, "De señores, señoríos y medidas del país", que chegaba, tal e como afirmaba José Luís Suárez, "un pouco tarde". Dito recoñecemento fora concedido na anualidade 2019 e foi a situación sanitaria da Covid-19 a que obrigou a retrasar a entrega ata o día de hoxe. Algo que desculpaba o galardoado, o doutor Rubén Castro, que foi obsequiado cunha figura de Sargadelos e que quixo destacar a importancia de que institucións como a Mancomunidade fomenten premios desta índole para coidar da riqueza patrimonial.

Un acto no que estaba prevista a asistencia do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que finalmente non acudiu, deixando a representación desta na man do vicepresidente segundo, César Fernández.

Susana Reboreda, José Luís Suárez e César Fernández fan entrega do cigarrón de Sargadelos a Rubén Castro.Susana Reboreda, José Luís Suárez e César Fernández fan entrega do cigarrón de Sargadelos a Rubén Castro. | FOTO: M. D.

Daba comezo así a segunda conferencia do día que viría sucedida por unha visita guiada teatralizada ao conxunto patrimonial do Castelo de Monterrei.

As xornadas continuarán en sesión de tarde con charlas, coloquios e debates da man de diferentes especialistas como os arqueólogos e historiadores Nieves Amado, Víctor Fernández Muñiz ou Patricia Valle. Rematará o día coa visita á igrexa de Santa María de Mixós.

Venres 24 de setembro

Mañá segunda sesión deste percorrido na aula adicada ao doutor Colmenero en Cualedro. Desta volta, centrada na prehistoria e historia antiga, na que expertos como Beatriz Comendador ou o director destas xornadas, Martiño Vázquez, ofrecerán as súas respectivas charlas, nas que se aceptarán as preguntas dos asistentes nun breve coloquio posterior. 

Tras unha pequena pausa continuarán as conferencias que rematarán coa visita guiada para coñecer en profundidade a Aula Arqueolóxica Doutor Antonio Rodríguez Colmenero na que se fará unha proxección documental.

 

Sábado 25 de setembro

Derradeira sesión das xornadas cunha visita guiada aos diferentes enclaves da comarca que xa foran presentados e explicados nos días anteriores. Os asistentes acudirán ao Castro de Saceda e ao Castro de San Millao, ambos en Cualedro, e ao entorno da capela de San Salvador das Rozas de Medeiros.

Xornadas en Monterrei.

NOTICIAS VERÍN | Viaxando ao pasado coas xornadas históricas e arqueolóxicas de Monterrei