miércoles. 09.10.2024
quintadastapiasacioouro2022
Quinta das Tapias colección Godello, premiado co Acio de Ouro ó Mellor Viño Branco de Galicia 2022. | FOTO: Adega Quinta das Tapias.

Falamos con Aníbal Blanco Núñez, cabeza visible de Adega Tapias Mariñán, mentras camiña polas súas viñas a pesares do bo constipado que sofre. Cústalle respirar e, inda máis, falar, pero é nomear as viñas e cámbialle a voz. Non hai máis que escoitalo para decatarse do amor que sinte por elas, da devoción polos seus caldos e do goce que lle provoca poder estar traballando na natureza. "Estou vendo unha nespereira en flor; Tapias ten un clima moi especial" comenta Aníbal mentras pasea pola finca de 22 hectáreas onde ten ubicadas as instalacións da adega.

Non é somentes o clima. Tapias é unha finca centenaria e emblemática ó pe do Castelo de Monterrei, berce do viño galego de onde saíron inxertos para poboar Galicia, Zamora e mesmo o norte de Portugal. A finais do século XIX, cóntanos Aníbal que hai documentos do 1885, era un viveiro que había que protexer da fauna da zona, por iso se tapiou... daqueles muros e "tapias" vén o nome da actual adega. Foi aló polo 2007 cando os irmaos Blanco Núñez apostaron por mercar viñedos nestas terras de Pazos para dar comezo a súa aventura adegueira no Val do Támega.

Hoxe, a adega conta con 85 hectáreas de viñedos propios dos que saen caldos premiados ano tras ano. A calidade das súas uvas, o chan, o clima, as variedades, a poda, a vendima e as prácticas enolóxicas son únicas e de máxima calidade... motivo polo obtiveron o Acio de Ouro ó Mellor Viño Branco de Galicia 2022 para o seu Quinta das Tapias Colección Godello. O recoñecemento fixo que as vendas se disparasen ata triplicar as do ano anterior. "Estamos moi sorprendidos pola cantidade que se está a vender; a iste paso, en xuño non imos ter viño", recoñece Aníbal satisfeito.

undefined
Entrega do premio Acio de Ouro ó Mellor Viño Branco de Galicia no pasado mes de xullo. | FOTO: Xunta de Galicia.

 

Iste ano a colleita foi máis pequena "pola seca, a calor excesiva e algunhas xeadas que afectaron ás viñas; tiñamos pensado acadar o millón de quilogramos e quedamos nuns 800.000", cóntanos Blanco Núñez. A merma na cantidade vén compensada coa excelente calidade da uva, que propiciou uns "espectaculares brancos que xa temos no mercado". O éxito de vendas fixo que leven tres embotellados de branco "cunhas 100.000 ou 120.000 botellas" saídas da adega e inda sen finalizar o ano. Aníbal pensa que "no primeiro trimestre ralentizaranse as vendas, sempre pasa, pero, polo momento, vai moi ben o viño novo".

Para degustar a delicadeza dos tintos da Adega Tapias Mariñán teremos que esperar ata abril ou maio, facendo ganas para catar uns caldos que "lles custa máis evolucionar; o tinto ten un proceso máis longo e non o sacamos ó mercado ata a primaveira para obter un viño de gran calidade" nos explica Aníbal. O agarimo co que tratan as súas viñas fai que saian viños dunha alta calidade a un prezo asequible que, durante a pasada Feira do Viño de Monterrei duplicaron as degustacións vendidas. "A xente está volcada co viño e quere disfrutalo".

"Estamos vivindo un momento histórico; non só dos viños de Monterrei, tamén dos de toda Galicia. Os viños galegos teñen un gran prestixio a nivel mundial" afirma convencido Aníbal Blanco. Para o adegueiro é moi importante toda promoción que se poda facer dos viños, por iso vai asistir á Gala de nomeamento dos novos Confrades dos Viños de Monterrei que se celebrará no Auditorio de Verín mañá, día 20. "Fíxate como é a cousa que", continúa Blanco Núñez, "o ano pasado Rías Baixas, O Ribeiro, Valdeorras e Monterrei esgotaron todo o viño embotellado".

NOTICIAS DE EMPRESA | Adega Tapias Mariñán, caldos de alta calidade saídos do berce do...