A IMAXE DE... | O Chivite na Feira Educativa de Ourense
A I Feira Educativa de Ourense, a primeira experiencia de colaboración no ámbito educativo que reuniu nun mesmo espazo a colexios, institutos, centros de FP, universidades e mesmo forzas armadas, foi un éxito. Máis de 3.000 persoas achegáronse ata Expourense, na súa meirande parte estudantes, familias e profesores, para coñecer de primeira man a oferta educativa e o traballo que se fai nas 15 entidades participantes.
E alí estivo presente o IES Xesús Taboada Chivite cun stand propio para dar a coñecer todo o que ofrece o centro de ensino verinés. Baixo o lema "Conectando mentes, impulsando futuros: internacionalización, o programa ChiviTei e a acción educativa transformadora", no stand estivo parte do seu profesorado e do seu alumnado explicando a actividade do instituto en varios eidos: internacionalización, convivencia e inclusión.
Non deixaron pasar a ocasión para explicar polo miúdo algún dos proxectos estrela da acción educativa do Chivite: Titoría Entre Iguais, Educación Responsable e -como non!- os seus musicais. Dende o centro de ensino aseguran que "é unha honra poder dispoñer dun espazo nesta feira xa que somos un dos dous centros de secundaria convidados de fóra da cidade"; unha oportunidade para dar a coñecer o seu modelo educativo.
A feira terá continuidade
Xunta e Deputación de Ourense organizaron unha feira que terá continuidade. O presidente provincial, Luis Menor, explicaba o seu convencemento de que as administracións teñen "a obriga de xerar talento entre as novas xeracións", así como de "reter esas capacidades no noso territorio". Precisamente, debido a ese carácter estratéxico e clave para o futuro, Menor garantiu que esta acción non será puntual, senón que terá continuidade para converterse nun lugar de referencia para estudantado e profesorado.
O acto de clausura da feira estivo presidido polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández.